A CIG-Ensino levará aos centros educativos a iniciativa popular Xabarín para ampliar a mellorar a programación infantil en galego

Como unha medida máis de impulso ao uso do galego entre as novas xeracións, o sindicato maioritario no ensino destaca a importancia de que se asocie o lecer e as actividades lúdicas coa nosa lingua

Ante a emerxente situación desnormalizadora da nosa lingua, a CIG-Ensino apoiou esta mañá á Mesa pola Normalización Lingüística que promove a Proposición Non de Lei Iniciativa Popular Xabarín, unha iniciativa avalada por unha ampla representación de colectivos sociais e culturais do noso País.

Ante a desidia, abandono e desleixo da administración galega coa política lingüística que nos levou a ter os peores datos sobre o uso e competencia da nosa lingua entre as xeracións máis novas da nosa historia recente, hoxe deuse un paso máis para recuperar falantes a través da presentación en Compostela da iniciativa Xabarín. Trátase dunha Proposición non de lei iniciativa popular que pretende ampliar e mellorar a programación televisiva dirixida ao público infantil en galego. En concreto, esta iniciativa, que promove a Mesa pola Normalización Lingüística, pide que "a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos".

Así mesmo, segundo explican os seus promotores, o obxectivo é "garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil". Ademais, "o goberno galego deberá adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP - TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias".

O ensino, chave para a normalización

Tal e como xa denunciou en moitas ocasións a CIG-Ensino a política educativa do goberno do PP, nomeadamente desde o Decreto do Plurinlingüismo en 2010, levou a que desaparecera practicamente o galego das aulas de infantil, o que redunda nunha disociación coa nosa lingua no resto das etapas educativas. Para o sindicato é necesario reforzar a presenza do galego no ensino e asociar o seu uso ao lecer e a aspectos lúdicos que motiven ás crianzas a coñecelo e a empregalo. Por iso, desde a CIG-Ensino se intentará crear unha alianza entre o ensino e as reivindicacións da iniciativa Xabarín, dándoa a coñecer nos centros educativos e buscando a complicidade de todo o profesorado, o persoal non docente e as familias que, a través das asociacións de nais e pais, tamén estiveron hoxe apoiando esta acción en Compostela.

Volver