A CIG-Ensino leva gañadas 20 sentenzas de despedimentos nulos e 6 de despedimentos improcedentes do profesorado CELGA

Anxo Louzao denuncia a actitude represiva e vingativa da Consellaría de Educación

A CIG-Ensino repasou en rolda de prensa, este luns 26 de xaneiro, a situación na que se atopa o conflito do profesorado que impartía cursos preparatorios para o CELGA e que foi despedido pola Consellaría de Educación o pasado ano. Neste momento, explicou o secretario nacional, Anxo Louzao, das 52 demandas presentadas, a CIG-Ensino leva gañadas nos xulgados do social 26 sentenzas que declaran os despedimentos nulos ou improcedentes. Anxo Louzao e Ana Rodiño, membros da Executiva, pediron a dimisión do conselleiro e do secretario xeral de Política Lingüística por actuar de maneira “represiva e vingativa”.

Até o ano 2014 preto de 200 profesores e profesoras viñan impartindo cursos preparatorios para o CELGA mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística nunca estableceu relación laboral con este profesorado. “Nin lles facía contrato, nin os daba de alta na Seguridade Social. Non tiñan dereito a baixa por enfermidade ou accidente laboral, non tiñan dereito a vacacións, nin á prestación por desemprego e tampouco tiñan este tempo cotizado para a xubilación.  É dicir, non tiñan ningún dereito laboral recoñecido no Estatuto dos Traballadores”, lembrou Anxo Louzao.

Diante desta situación, en marzo de 2013, a CIG e o profesorado afectado presentaron  unha denuncia dos feitos na Inspección de Traballo. “A Inspección da Coruña estimou e corroborou todos os termos da denuncia. Deunos de alta de oficio na Seguridade Social,  polo tempo traballado con 4 anos de retroactividade, do ano 2009 ao 2013, recomendoulles presentar denuncia nas outras inspeccións de traballo e impúxolle á Xunta recargas e multa pola infracción”, engadiu Anxo Louzao, no relato dos feitos.

Daquela a CIG-Ensino presentou denuncia no resto das inspeccións de traballo que tamén  resolveron no mesmo sentido que a da Coruña,  cunhas actas que a Consellaría de Educación decidiu recorrer. Ademais, a Tesourería da Seguridade Social presentou demandas de oficio para que o Xulgado do Social determinase a relación xurídico-laboral destes traballadores e traballadoras coa Xunta. No caso de Ourense xa se resolveu cunha sentenza favorable que recoñece a natureza laboral da relación.

“No entanto –denunciou Louzao- a Secretaría Xeral, en lugar de asumir as propostas da Inspección de Traballo actúa de maneira represiva e vingativa ao deixar sen traballo a máis ou menos 120  persoas, ás que decidiu non contratar, e recorrer ao profesorado en activo para dar os cursos”.

Esta situación levou á CIG-Ensino a iniciar as demandas de despedimentos cos afectados e afectadas. “Temos presentadas 52 demandas e, neste momento, xa conseguimos 20 sentenzas que declaran os despedimentos nulos e 6 que declaran os despedimentos improcedentes. A primeira sentenza é de xuño de 2014 e a última de xaneiro de 2015. Estas sentenzas obrigan a readmitir os e as docentes no posto de traballo e a pagarlles os salarios de trámite polos cursos que lles correspondía impartir no 2014. O custe deste conflito para a Administración, se sumamos as cotizacións e as multas, pode superar o millón de euros”, engadiu.

 “Nin o secretario xeral nin o conselleiro asumen a súa responsabilidade e continúan cunha actuación impropia, prepotente e contraria aos dereitos laborais máis elementais –denunciou Louzao. Estamos ante un feito que é paradigma de como actúa a Consellaría de Educación. Desenténdese deste profesorado formado e desenténdese de promover o uso e a normalización do noso idioma, destrúe emprego e, no canto de negociar, procede de maneira vingativa e represiva con este persoal por reclamar os seus lexítimos dereitos laborais”.

Para  a CIG-Ensino –concluíu Anxo Louzao- só cabe a dimisión inmediata do secretario xeral e do conselleiro pola súa actuación indecente, prepotente e irregular e readmitir o profesorado CELGA con todos os dereitos laborais”.          

Volver