• reunion_gp_bng.jpg
  • reunion_gp_enmarea.JPG
  • reunion_gp_pp.JPG
  • reunion_gp_psdg.JPG

A CIG-Ensino leva ao Parlamento de Galiza a campaña de recuperación de dereitos laborais apoiada por 12.000 docentes galegos

Representantes da CIG Ensino, encabezados polo seu secretario nacional, Suso Bermello, mantiveron unha reunión cos responsábeis de Educación dos catro grupos parlamentarios para trasladarlles as principais reivindicacións do profesorado do ensino público

Tras percorrer os 1.200 centros de ensino que hai en Galiza e recoller preto de 12.000 sinaturas de apoio ao decálogo de medidas urxentes para a restitución dos dereitos perdidos nos últimos anos polo profesorado galego, a CIG-Ensino mantivo reunións cos responsábeis de Educación dos catro grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galiza. En concreto, o seu secretario nacional, Suso Bermello, entrevistouse con César M. Fernández Gil do grupo popular; con Luca Chao Pérez e Ánxeles Cuña, de En Marea; con Luís M. Álvarez Martínez e Xaquín Fernández Leiceaga do grupo socialista e con Olalla Rodil Fernández do grupo do BNG acompañado de Marta Ferreiro e Diego Boquete.

Nas reunións trasladóuselles aos representantes políticos “a sensación de fartura que ten o colectivo docente polos recortes sufridos nos últimos anos e polo empeoramento manifesto das súas condicións de traballo”. En palabras de Suso Bermello, “a Xunta de Galiza estase convertendo na administración campioa dentro do Estado español en manter os recortes, dado que noutros territorios xa se recuperou a xornada lectiva anterior á crise, reduciuse o número de alumnado por aula, non se están a aplicar os descontos por enfermar ou xa se asinaron acordos retributivos que permitiron unha suba salarial”.  

A paga extra recortada entre 2013 e 2016 supón no menor dos casos 3.600 euros"

Porén, Bermello incidiu en que “o goberno Feijoó estase quedando atrás, malia pregoar  continuamente a recuperación económica, e non foi capaz nin sequera de devolver as contías recortadas da paga extra dos exercicios 2013 (devolta parcialmente) a 2016 que, no caso dunha persoa sen antigüidade supoñen arredor de 3.600 euros que lle debe o goberno da Xunta. Este recorte incidiu no empeoramento das condicións salariais do persoal funcionario de Galiza ao respecto do de outros territorios do Estado”. 

O representante do sindicato maioritario no ensino público galego lembroulles a todos os grupos políticos que o colectivo docente fixo un esforzo inxente desde 2010 por manter a calidade do ensino público no noso país. Porén, “este persoal séntese desprezado e abafado por unhas condicións de traballo que o están levando ao límite: con rateos insostíbeis nas aulas, sobre todo nas áreas urbanas, ou co agrupamento de estudantado de diferentes idades e niveis no ámbito rural; a imposibilidade de realizar desdobres e de contar con persoal de reforzo para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo; un incremento dos labores burocráticos en detrimento do labor docente, así como unha situación de inestabilidade permanente ao non convocarse prazas definitivas que lle permita formar parte dun proxecto pedagóxico dun centro de forma estábel…”  

Tan só coa redución das rateos, da xornada lectiva e da burocracia o profesorado xa podería obter unha mellora reseñable nas súas condicións laborais 

Os representantes políticos tomaron nota desta situación, indicaron que xa presentaran iniciativas no Pleno ou nas comisións para mellorar esta situación e estudarán volver levar ao Parlamento aquelas reclamacións coas que están en sintonía, que no caso dos grupos da oposición son a práctica totalidade. Desde a CIG-Ensino aproveitáronse estas entrevistas para destacar que simplemente coa redución da xornada laboral ás 18 horas en Secundaria e FP e ás 21 en Infantil e Primaria, así como do número de alumnado por aula e unha regulamentación das afíns axeitada, o profesorado galego podería obter certo respiro na súa situación diaria nos centros. Isto permitiría, ademais, segundo lles lembrou Bermello aos grupos parlamentares, dotar de estabilidade o persoal interino de certa idade ou con bastantes anos de servizo que, tal e como está prantexada a oferta pública de emprego este ano e o feito de que non exista un verdadeiro concurso-oposición, pódese ver abocado ao paro o vindeiro curso se non supera este proceso selectivo. Esta situación viuse agravada trala aplicación feita pola Consellaría do acordo sindical coas organizacións estatais, que impide incrementar nas ofertas de emprego os postos de traballo actualmente existentes, mais que se pode sortear co aumento de cadros de persoal dos centros sen que se incorporen esas prazas a maiores ás oposicións destes anos de cumprimento do acordo.

Recuperación do poder adquisitivo

Por último, desde o sindicato nacionalista propúxose que no Pleno do Parlamento se inste ao goberno galego a eliminar os descontos pola situación de incapacidade temporal e a recuperar o poder adquisitivo do profesorado que perdeu nos últimos 8 anos. A estes efectos a representación da CIG-Ensino fixo especial fincapé na situación provocada polo acordo salarial dos sindicatos estatais con Montoro xa que “esa suba non satisfai as reclamacións do persoal docente porque apenas suporá a recuperación dun 1,5% en tres anos, unha vez descontada a suba do IPC, fronte ao 13% de perda real de poder adquisitivo -se só temos en conta as cifras vinculadas ao Estado- e de case o dobre se valoramos a perda polos descontos aplicados a maiores polo goberno galego”. Bermello incidiu que ese maior diferencial incide tamén nas condicións económicas do profesorado galego ao respecto do resto do Estado, dobremente castigado polo goberno galego: “con maiores recortes que noutros territorios e sen ter acadado ningunha mellora salarial como xa conseguiron noutras comunidades autónomas.”  

CIG Informa da reunión cos grupos parlamentarios para presentar a campaña de recuperación de dereitos

Documento


Volver