A CIG-Ensino lanza unha campaña polo mantemento da rede de centros e das tres modalidades de ensinanzas de persoas adultas

O sindicato pon en marcha unha recollida de sinaturas e promove acordos de claustro para garantir a continuidade das ensinanzas presenciais e semipresenciais e o mantemento de centos de postos docentes

  • Despois de que non se aceptara ningunha emenda relevante sobre o texto do Anteproxecto de Lei para a Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta no Consello Escolar de Galiza, a CIG-Ensino fai un chamamento a toda a comunidade educativa, e sobre todo aos centros afectados, a que lle soliciten á Consellaría o mantemento da actual rede de centros que oferta ensinanzas de adultos mediante unha campaña de recollida de sinaturas e de aprobación de acordos de claustro á que se pode acceder nesta ligazón.
  • Segundo datos da propia administración nestes momentos cursan ensinanzas básicas, ESA e Bacharelato para persoas adultas 10.000 estudantes entre o IES San Clemente, as 11 EPAPUS e a rede de IES ordinarios, nos que traballan cando menos 300 docentes. O impacto da conversión destas ensinanzas en exclusivamente telemáticas ou dixitais, como se contempla nesta lei, suporía eliminar a oferta presencial e semipresencial actualmente espallada por todo o país e que atende especialmente a poboación desfavorecida. Ademais, a Consellaría pretende coordinar todas as ensinanzas a distancia de FP e de réxime especial tamén desde o novo centro que creará para tal fin, o IGALVA, polo que o impacto en canto a postos de traballo de profesorado sería moito maior.

A CIG-Ensino vén de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas á que se pode acceder neste formulario para que o profesorado lle faga ver á Xunta de Galiza que é preciso garantir a existencia da actual rede de centros e de persoal que imparte ensinanzas para persoas adultas, tanto educación non formal, como ESA e Bacharelato. Nestes momentos, segundo datos facilitados polo propio conselleiro nunha visita ao IES San Clemente, que concentra todas as ensinanzas a distancia de adultas en Galiza, hai en total 10.000 persoas matriculadas nesta tipoloxía de ensinanzas, das cales arredor de 2.030 corresponden a este centro. A maiores hai 6 EPAPUS nas outras cidades galegas e 5 nos centros penitenciarios, así como unha rede de IES ordinarios que ofertan estas ensinanzas. Mais, segundo se desprende do Anteproxecto de Lei, as intencións da Consellaría son coordinar todas estas ensinanzas, xunto cos ciclos de FP e tamén ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas a distancia a través dun único organismo de nova creación, o IGALVA (Instituto Galego para a Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta). A CIG-Ensino solicitou expresamente nas emendas presentadas no Consello Escolar de Galiza, dado que antes non se presentou na Mesa Sectorial para a súa negociación e contraste coa representación do profesorado, que no texto normativo figurase expresamente que se manteña a actual rede de centros e as tres modalidades de ensinanzas: presencial, semipresencial e online, algo que foi rexeitado pola administración, polo que nestes momentos se mantén a incerteza sobre que vai acontecer unha vez aprobada a Lei. A CIG-Ensino está de acordo en que é preciso actualizar a anterior normativa do ano 92 e reforzar os recursos e a accesibilidade dixital para as persoas que cursan estas ensinanzas pero sen que supoña ningún recorte da presencialidade e da semipresencialidade, modalidades fundamentais para garantir a calidade da atención educativa precisamente ante un colectivo de alumnado no que existe unha maior fenda dixital e motivos socioeconómicos para acceder a medios telemáticos. 

Segundo estimacións do sindicato maioritario no ensino público galego tan só nos centros que imparten as coñecidas tradicionalmente como ensinanzas para persoas adultas traballan arredor de 300 docentes, mais se se cumpre as intencións da Consellaría de que sexan estritamente a distancia e se inclúen outras que nunca antes se ofertaran con esta modalidade (réxime especial) ou que se imparten en Formación Profesional a afectación en canto a postos de traballo podería ser moito maior. 

É por isto que a CIG-Ensino anima a participar a todos os IES, EPAPUS e centros de FP e ensinanzas de réxime especial a asinar acordos de claustro para garantir tanto o mantemento dos centros como das tres tipoloxías de ensinanza como dos postos de emprego docentes. A continuación achégase un texto a modo de proposta.

CIG Informa sobre o anteproxecto de lei de ensinanzas ao longo da vida adulta

Documento


Volver