A CIG-Ensino lanza unha campaña de sinaturas pola igualdade retributiva do profesorado de FP

A acción enmárcase na necesidade de dar resposta a aqueles colectivos que quedan descolgados do proceso de integración no corpo de PES

Baixo o lema “Pola igualdade retributiva de todo o profesorado de FP” a CIG-Ensino bota andar unha campaña de apoio a unha demanda para evitar que ningunha profesora ou profesor de Formación Profesional quede relegado dun recoñecemento longamente reclamado de equiparación salarial e recoñecemento profesional no ámbito da FP.

A campaña busca, en primeiro lugar, ter presente a todos os colectivos aos que a Consellaría de Educación relega coas súas declaracións na Mesa Sectorial, aportando propostas de solución legalmente factíbeis e que só dependen da vontade política de Rodríguez e Rueda. Ao tempo, a recollida de sinaturas é unha chamada a actuar con unidade dentro do profesorado de FP e a apoiar masivamente que todas e todos teñan as mesmas retribucións e os mesmos dereitos, unha vez que se aplique a integración no corpo de PES aberta coa convocatoria publicada no DOG para aquelas compañeiros e compañeiras que reúnen os requisitos de titulación fixados polo Ministerio.

Así, como se explica no vídeo divulgado pola CIG-Ensino, o sindicato centra as súas demandas nos seguintes colectivos:

Profesorado que queda para extinguir no corpo de PTFP: negociación do pagamento dun COMPLEMENTO DE EQUIPARACIÓN garantindo a plena igualdade retributiva con quen se integre no corpo de PES. 

Profesorado interino: compromiso de pago con carácter retroactivo desde xaneiro de 2021 para quen traballase como docente interino na data de entrada en vigor da LOMLOE e na que se fixan os efectos para o funcionariado de carreira.

Funcionariado que aprobou as oposicións de 2021: modificar o artigo 16.3 da orde de integración e recoñecer os efectos desde o comezo da fase de prácticas, evitando a xudicialización deste conflito.

Garantías dos dereitos de profesorado especialista e de quen non ten titulación para presentarse ás oposicións: a Consellaría debe garantir a continuidade nas mesmas condicións que ten hoxe do profesorado especialista de FP así como daquel que ocupa postos de traballo que non poden ser ofertadas a oposicións por non ser parte das especialidade recoñecidas a nivel estatal. Igualmente, hai que garantir a continuidade nas listas de interinidades de quen carece de titulación e veu desempeñando, nesas mesmas condicións, o seu labor como docente nestes últimos anos.

Por último, apelamos a todo o profesorado que xa formaba parte do corpo de PES en especialidades da FP, así como daquel que ve agora cumprida a demanda de equiparación coa integración no subgrupo A1, a que dean soporte a esta campaña co seu apoio ao resto de profesorado, co obxectivo de que a partir da resolución da integración agora en marcha non existan diferenzas salariais entre docentes que realizan as mesmas funcións.

ACCEDE AO FORMULARIO DE RECOLLIDA DE SINATURAS ONLINE

TAMÉN PODES DESCARGAR O PREGO DE SINATURAS EN PDF E DIFUNDILO NO TEU CENTROS.

O sindicato presentou o recurso de reposición para que o funcionariado que aprobou no 2021 teña plenos dereitos no seu ano de prácticas

Como avanzamos hai uns días, a CIG-Ensino xa presentou o recurso potestativo de reposición para mudar o artigo 16.3 da orde de integración, co obxectivo de que os efectos retributivos da integración de quen aprobou no 2021, un total de 603 persoas, sexa desde que comezou a traballar, ao entendermos que, de non o facer, se estaría a vulnerar o principio de igualdade. A exclusión expresa do dereito a percibir os atrasos do curso 21/22 obriga a actuar deste xeito e neste momento.

Con todo, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, vén de dirixir unha carta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que lle solicita que asuma esta rectificación e evite a xudicialización deste tema. De feito, o sindicato optou pola vía do recurso de reposición para permitirlle á Consellaría que reconsidere a súa decisión. Teñen agora a palabra.

Volver