A CIG-Ensino lamenta enterarse pola prensa dos plans do Concello de Santiago sobre a EMM e que se semente dúbidas sobre a continuidade do seu persoal

O secretario comarcal, Rubén F. Monteagudo, xa lle enviou unha petición de reunión por escrito á concelleira de Educación para que lle explique á representación das traballadoras a decisión de sacar de novo os pregos de licitación do concurso da EMM

Desde o sindicato esíxenlle ao goberno municipal unha solución dialogada a este problema, contando sempre coas 21 traballadoras e traballadores actuais, e pregúntanse por que o PSOE cambiou de criterio no último ano, xa que mentres estaba na oposición reclamáballe a Compostela Aberta que subrogase a plantilla e agora xa non é unha prioridade.

“Cansas e cansos de sobresaltos”, así están as traballadoras e traballadores da Escola Municipal de Música de Santiago que onte se enteraron pola prensa da intención do goberno local de non agardar a que se resolva o conflito xudicial aberto sobre a lesividade dos antigos pregos para licitar uns novos alegando que nestes momentos se están resolvendo con “recoñecementos extraxudiciais” os pagamentos á anterior licitadora Trobeiro. Para o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, que é o sindicato que ostenta a representación dos traballaores de traballadoras, “é unha mágoa que despois de ter feitos contactos sobre este asunto coa concellería de Educación, nos teñamos que enterar pola prensa das decisións do novo goberno municipal e de que unha vez máis non se lle explique á plantilla da EMM nada do que se ten previsto facer”. Neste sentido, Rubén F. Monteagudo, vén de dirixirlle á titular do departamento de Educación, Noa Díaz, unha reunión para coñecer os pormenores desta decisión na que lle reclamará ser tidos en conta á hora de redactar os novos pregos. 

Solución dialogada 

Para a CIG-Ensino a solución a este conflito ten que ser “sempre dialogada”. “Precisamos coñecer como afectados e afectadas de primeira man que somos cales son os informes xurídicos que manexa o Concello para decidirse a non agardar á sentenza de lesividade, postura que sempre que estea argumentada non ten porque ser negativa pero que semella un cambio de criterio con respecto ás intencións iniciais do novo equipo de goberno socialista”. Así mesmo, na CIG-Ensino amosan a súa preocupación polas declaracións ambiguas do alcalde Xosé Sánchez Bugallo, a teor do que aparece na nota de prensa emitida polo Concello de Santiago, sobre a incorporación nos pregos de contratación da subrogación dos 21 traballadores e traballadoras actuais. Neste sentido, lembrou que a postura do PSOE na oposición foi sempre favorábel a este punto cando semella que agora xa non é unha prioridade. “Para a CIG-Ensino é irrenunciábel que se garanta na redacción dos novos pregos a estabilidade laboral do profesorado e resto de persoal da EMM. Así mesmo, tamén lle pediremos ao goberno municipal que explore todas as vías xurídicas para abordar a municipalización deste servizo, unha opción que tamén o PSOE vía con bos ollos na oposición”. 

Por último Rubén F. Monteagudo lanza o aviso de que se non se atende á estabilidade do persoal, tanto a CIG como o profesorado están dispostos a volver levar a cabo todas as medidas que sexan necesarias para garantir o funcionamento da Escola con normalidade e sen máis sobresaltos.

Volver