A CIG-Ensino insta por carta ao conselleiro de Educación a dotar os centros de material de protección axeitado

Hoxe coñecéronse os primeiros centros afectados por peches de aulas e reacomodación de alumnado, cando aínda non está operativa a aplicación EduCovid, polo que demandamos a súa urxente posta en funcionamento.

Un dos aspectos que desde o primeiro momento puxo A CIG-Ensino enriba da mesa (falamos xa dun documento con propostas para o curso 2020/21 presentado o 18 de xuño de 2020) foi a necesidade dun auténtico Plan de Actuación que contase cunha avaliación de riscos de cada centro educativo. Nada diso se fixo.

Preocúpanos, desde a perspectiva da protección fronte á covid-19, para alén das ratios, a falacia das aulas burbulla e os problemas que se poidan derivar dunha deficiente hixiene e desinfección pola negativa a incrementar o persoal de limpeza, entre outros, todo o referido á dotación de material de protección axeitado e o correcto seguimento de contaxios.

Canto ao material de protección, é necesario lembrar a obriga que toda empresa ten de dotar a todo o persoal do centro de máscaras ou calquera EPI necesario, non só inicialmente como se está facendo, aínda que cun retraso inxustificado, senón en todo momento. Así o vén de indicar novamente a Inspección de Traballo en resposta a unha denuncia da CIG nas escolas infantís do Consorcio Galego e a Xunta.

É fundamental e unha obriga enviar máscaras FFP2 a todos os centros educativos en cantidade suficiente para uso diario daquel profesorado e outro persoal non docente (persoal coidador, etc..) que, en función do seu posto de traballo, deba usar esas máscaras cun maior grao de protección e non as hixiénicas ou cirúrxicas. A exposición con alumnado que non usa máscara non pode ser con estas últimas máscaras que, como sabemos, non protexen a quen as leva do contaxio senón de contaxiar aos demais.

Na nosa opinión, sometida a mellor consideración sanitaria, todo o profesorado e outro persoal que poida estar en contacto con alumnado sen máscara, debería usar sempre máscaras FFP2. Falamos das mestras e mestres de Infantil, das especialistas de PT e AL, docentes de conservatorio en instrumentos que impliquen un maior perigo de exposición ás gotículas en suspensión etc…

Entendemos, polo tanto, que a Consellaría de Educación, asesorada pola de Sanidade, debería ter feito, cando menos, unha valoración das diferentes exposicións ao risco do profesorado en función das etapas educativas nas que traballa ou das características do seu posto de traballo. Iso é que o se tería feito mediante unha valoración de riscos como a que demandamos e non se atendeu. Desde a CIG-Ensino demandamos da Consellaría que dirixe que se faga, con carácter xeral e urxente, unha valoración sobre o uso de de máscaras FFP2 ou outros EPI, de protección superior á máscara convencional.

Por último, ademais de reiterar a nosa solicitude de convocatoria dunha Mesa Sectorial para afrontar todo o relacionado co caos xerado neste inicio de curso, consideramos desde a CIG-Ensino que os aspectos técnicos relacionados coa dotación de material de protección axeitado, deberían ser tratados no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Educación, un órgano que debe actualizarse con arranxo aos resultados das últimas eleccións sindicais de 2018 e que non se fixo aínda malia os continuos requirimentos da nosa representación nel.

CIG-Informa sobre a esixencia de máscaras axeitadas e da posta en marcha da aplicación Educovid

Documento


Volver