A CIG-Ensino insta á inspección educativa da Xunta e á do Estado a vixiar que os colexios do Opus da Coruña e Vigo non segreguen o alumnado

Malia que para a renovación dos concertos educativos durante os vindeiros seis anos estes catro centros se comprometeron a introducir a matrícula mixta en 1º de Primaria o sindicato sospeita que non se está cumprindo a LOMLOE

Trátase dos centros Montespiño e Peñarredonda na Coruña e de Las Acacias e Montecastelo en Vigo, que en total pasan de 58 a 74 aulas de infantil concertadas con respecto ao curso pasado e nas que si se mantén a segregación, ao igual que en 1º da ESO coa “escusa” de que a matrícula xa estaba pechada.

Após de que a CIG-Ensino advertira ao presidente Rueda e ao conselleiro Rodríguez de que este curso os 5 centros que segregaban o alumnado por xénero en Galiza non podían renovar os seus concertos educativos durante os vindeiros seis anos, en cumprimento da LOMLOE, este verán publicouse a Orde na que volve aparecer o nome dos cinco. Mentres que o Centro de Estudos Superiores Aloya de Vigo, dedicado integramente a FP xa introduciu a matrícula mixta, a CIG-Ensino sospeita que nos outros catro colexios, con unidades concertadas de infantil, primaria, secundaria e FP non se está cumprindo a normativa. Trátase dos centros pertencentes ao Opus Dei Montespiño e Peñarredonda, na cidade da Coruña, e Montecastelo e Las Acacias en Vigo que ven incrementadas as aulas concertadas con respecto ao curso pasado en 16 na etapa de infantil. Segundo lle trasladou a Consellaría de Educación á CIG-Ensino estes centros abriron a posibilidade de matrícula mixta só no primeiro curso de Primaria, alegando que en 1º da ESO xa teñen alumnado matriculado. O sindicato insta á administración, tanto á inspección educativa galega da que dependen estes centros, como á alta inspección do Estado que vixíen que se está a cumprir o establecido na LOMLOE, dado que ten sospeitas de que poidan estar eludindo  a normativa. Neste sentido, a CIG-Ensino solicitoulle á administración galega datos exactos de matrícula neste primeiro curso de primaria nos catro colexios, así como do resto de cursos porque, ao ser ensinanza concertada de etapas obrigatorias, no caso de haber prazas libres tamén se debería abrir a posibilidade de matricularse tanto a nenos como a nenas. 

No caso de educación infantil, a CIG-Ensino ten constancia de que se mantén a segregación polo que a Consellaría non debería seguir financiando os concertos e aínda por riba incrementándoos, pasando das 58 aulas no curso pasado a 74 neste curso. Por último, o sindicato nacionalista mantén a súa oposición a que se concerten etapas educativas non obrigatorias como o Bacharelato e a Formación Profesional, tanto neste tipo de centros como en calquera outro. 

En definitiva, desde a CIG-Ensino manterémonos alerta para que non se sigan financiando pola porta de atrás centros do Opus Dei que incumpran a norma e manteñan un espírito reaccionario de separación do alumnado por cuestión de xénero.

Volver