A CIG-Ensino insta a Educación a clarificar os permisos de hospitalización e de lactación
No primeiro caso houbo unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 2016 que considera ilegal limitar o goce do permiso ao tempo exclusivo de hospitalización.
Ademais, o sindicato trasládalle por escrito á Consellaría, despois de expoñela na Mesa Sectorial, a súa oposición rotunda a que se desconte do cómputo de lactación acumulada o tempo de excedencia ou de licenza sen soldo solicitado polas persoas proxenitoras durante o primeiro ano de vida da crianza.
A CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito ao director xeral de Recursos Humanos para que publique unha corrección do artigo 3 da Orde 29/1/2016 que clarifique as condicións do permiso por hospitalización despois de que unha sentenza dese mesmo ano considerara ilegal limitar o seu goce até a alta hospitalaria. No auto, emitido tras unha denuncia da CIG polo caso dunha traballadora do SERGAS, esgrímese que non se pode restrinxir un dereito que non o está na normativa superior. Na redacción tanto do Texto Refundido do Estatuto Básico do Empregado Público como da Lei de emprego público de Galiza está perfectamente claro: o permiso ten a duración que figura na lei (3-5 ou 2-4 días en función da localidade e do grao de parentesco) sen que alta hospitalaria poida alterala. Sen embargo, na Orde de permisos e licenzas para o persoal docente non houbo ningunha modificación dese artigo que reza: “se os días de hospitalización son inferiores ao tempo máximo de permiso, este quedará limitado aos días de hospitalización, agás que esta hospitalización leve aparellado repouso domiciliario”.
Así pois, e ante as dúbidas que se están xerar nos centros educativos, que nalgúns casos descoñecen o contido desta sentenza, a CIG-Ensino insta a publicar no DOG canto antes unha corrección deste artigo para clarificar o seu goce e que non haxa ningunha dúbida entre quen o ten que autorizar.
Restricións no permiso de lactación
Así mesmo, a Consellaría vén de cambiar o criterio ao respecto do permiso de lactación reducindo a súa duración acumulada nos casos en que a persoa que o solicite teña pensado pedir a continuación unha excedencia por coidado de fillo ou filla ou un “permiso sen soldo”. En concreto, temos constancia de que se prevé descontar o período que non se permanece en activo durante o primeiro ano de vida da crianza á hora de realizar o cómputo dos días que corresponden por lactación acumulada. No escrito remitido polo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, ao director xeral de Centros e RRHH amósase a nosa total oposición a esta pretensión por ir “contra o dereito das persoas a facilitar o coidado das súas fillas e fillos e que só responde a unha interpretación restritiva da norma cun claro nesgo economicista, máxime se pensamos que a persoa que solicita unha excedencia non vai ter ingresos durante a súa duración”.
Na mesma liña de rexeitamento se posiciona o sindicato ao respecto do feito de que nalgunha Xefatura Territorial se está informando a quen pretende interromper o permiso de maternidade e/ou o da outra persoa proxenitora que se vai proceder igualmente a reducir o permiso acumulado de lactación. Desde a CIG-Ensino entendemos que se debe tratar dunha confusión na transmisión da información pero como está a sementar dúbidas entre o profesorado solicitámoslle á Dirección Xeral que clarifique esta cuestión canto antes sen aplicar tamén recortes nos dereitos do persoal docente a coidar dos seus fillos e fillas.