A CIG-Ensino insta a dar pasos para eliminar a discriminación salarial do persoal contratado predoutoral e postdoutoral
O sindicato presenta, xunto a UGT e CCOO, unha solicitude de mediación para desbloquear a decisión das universidades de non pagar a antigüidade deste persoal
A CIG-Ensino considera que, no camiño de procurar a fin das numerosas discriminacións co persoal temporal nas universidades, asentadas na lexislación e mesmo na xurisprudencia, deben darse todos os pasos e explorar novas vías de solución.
Neste sentido, as organizacións sindicais CIG-Ensino, UGT e CCOO vimos de asinar unha solicitude dirixida ao Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais para que, segundo se recolle nas súas funcións, promova a convocatoria dunha reunión da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do PDI Laboral do SUG.
O obxectivo non é outro que rematar coa discriminación no cobro da antigüidade do persoal con contrato predoutoral (FPI, FPU, Xunta) e postdoutoral (Ramón y Cajal, Xunta, Marie Curie e Juan de la Cierva).
O Convenio Colectivo, en vigor desde 2011, só exclúe expresamente do pago da antigüidade ao profesorado asociados e ao profesorado asociado de ciencias da saúde. Logo de fixar o cobro da antigüidade par ao PDI con vinculación permanente así como para profesorado colaborador e axudante doutor, regular que
“O restante persoal docente e investigador contratado percibirá en concepto de antigüidade, por cada tres anosde servizos prestados no ámbito docente ou investigador das universidades públicas de Galicia, unha cantidade anual igual á dos funcionarios do subgrupo A1”.
Á espera de posíbeis cambios lexislativos na indemnización do persoal contratado predoutoral
Logo da sentenza do Tribunal Supremo pechase recentemente a porta a rematar con outro exemplo de discriminación do persoal vinculado a contratos predoutorais, asentando a negativa a pagar unha indemnización de 20 días por ano ao remate do contrato do persoal investigador das universidades galegas, a pelota está agora no tellado do poder lexislativo. A CIG-Ensino comparte as propostas que colectivos como a Asemblea de Investigadoras de Compostela ou FPU Investiga trasladaron aos grupos políticos no Parlamento Galego e no Congreso, convertidas xa en emendas aos Orzamentos Xerais do Estado. Agora, é responsabilidade dos grupos maioritarios no Congreso, especialmente dos que dan sustento ao goberno lexislar para rematar coa inexistencia dunha indemnización por un contrato que debe ser modificado na súa catalogación na Lei da Ciencia.