A CIG-Ensino insta á Consellaría de Educación a asumir a súa responsabilidade en materia de igualdade
Amosamos en diversas ocasións á administración educativa a nosa preocupación pola falta de cumprimento da normativa que xira arredor da igualdade no eido educativo, tanto no ámbito laboral como nos centros de ensino
A CIG-Ensino leva anos reclamando que a Consellaría de Educación constitúa a comisión de negociación do plan de igualdade do persoal docente
Toda administración pública, na súa condición de empregadora, está obrigada a elaborar un plan de igualdade, que non pode ser imposto de maneira unilateral, debendo recorrer á súa negociación colectiva. Os plans de igualdade, tanto do sector público como privado, constitúen un conxunto de medidas adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendentes a alcanzar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes e a eliminar a discriminación por razón de sexo.
Os obxectivos a alcanzar nun plan de igualdade de calquera entidade pública pasarán pola promoción da igualdade de trato e oportunidades no emprego público, así como as estratexias ou medidas a adoptar para a súa consecución.
O plan de igualdade dotará á Administración dunha ferramenta que permita a representación equilibrada e garantir a igualdade efectiva entre mulleres e homes no emprego público e nas condicións de traballo. Son exemplos de desigualdade, entre moitos outros: a discriminación que se produce cando non se reserva unha vacante a unha muller en situación de IT derivada do embarazo, a falta de previsión da administración para que unha nai poida aleitar unha crianza durante as oposicións sen perda de dereitos, a infrarrepresentación feminina nos cargos directivos, a fenda salarial derivada das excedencias e reducións de xornada que asumen as maioritariamente as mulleres …
Ademais o plan de igualdade debe recoller a prevención do acoso moral, sexual, por razón de sexo ou por razón de orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero que se puidera producir no traballo e ante o que non existe un protocolo de actuación que ampare ao profesorado.
A Consellaría de Educación menospreza o traballo de coordinación de igualdade nos centros educativos e desatende os plans de igualdade do alumnado
A instrución do 6 de setembro 2019 ten por obxecto regular a elaboración do plan de igualdade dos centros docentes sostidos con fondos públicos e recolle que a Inspección educativa ten a obriga de supervisar ese plan para verificar a súa adecuación ao establecido nas instrucións, formular as suxestións oportunas e indicar as correccións que procederan. Mais na CIG-Ensino non nos consta que esta labor se estea levando a cabo, polo que demandamos á Consellaría en diversas ocasións un apoio e seguimento dos plans e protocolos dos centros e o fomento e creación de equipos específicos e amplos de igualdade e a dotación dunha persoa coordinadora con asignación horaria, en igualdade de condicións con outras coordinacións existentes nos centros.