A CIG-Ensino insta a Consellaría de Educación a abrir inmediatamente o prazo para solicitar os recoñecementos médicos anuais do persoal docente

Pasou máis dun ano e a Consellaría aínda non ofreceu este servizo e nin sequera publicou o prazo para solicitalo

Os recoñecementos médicos anuais para o persoal docente fixéronse efectivos por primeira vez o curso pasado, despois de que a CIG-Ensino, ante a negativa da Consellaría de educación a ofrecelos como un dereito incuestionábel destes traballadores e traballadoras, se vise obrigada a recorrer aos tribunais. Unha vez que o Tribunal Supremo ditou sentenza a favor da CIG-Ensino, aínda tivemos que solicitar a execución da sentenza por a Consellaría non estar disposta a aplicala. Finalmente, despois dunha longa batalla xudicial e ante o decisión de Educación de privatizar este servizo, que segundo a propia Consellaría supuña un custo a maiores dun 40%, un sobrecusto de máis de 800.000 euros do erario público, a CIG-Ensino denunciou esta privatización no Parlamento, no Valedor do Pobo e no Xulgado do Penal.

O proceso de prestación deste dereito, o curso pasado, iniciouse con carencias e deficiencias e así o expuxo a CIG-Ensino na Mesa Sectorial  do 7 de abril de 2015, a fin de que os recoñecementos médicos se mellorasen, se ampliasen e se realizasen na sanidade pública.

Pasou máis dun ano e a Consellaría aínda non ofreceu este servizo e nin sequera publicou o prazo para solicitalo, o que se pode considerar unha mostra máis de desprezo e de desconsideración co profesorado. Por este motivo, a CIG-Ensino dirixiuse ao conselleiro de Educación para exixirlle a inmediata convocatoria e apertura de prazo de solicitudes e para demandarlle a emenda das deficiencias do ano anterior, xa expostas na Mesa Sectorial, que se resumen a seguir: 



  • Realizar todos os recoñecementos médicos na sanidade pública, en coherencia coa súa defensa.  
  • Descentralizalos para que poida acudir todo o profesorado, evitando facer desprazamentos longos.
  • De seren necesarios os desprazamentos, deben ser sufragados pola administración educativa, xa que é a responsábel de facilitar as revisións médicas aos seus traballadores e traballadoras.
  • Os recoñecementos deben ser máis completos, e prestar especial atención á perspectiva de xénero e ás doenzas propias dos docentes, no camiño do seu recoñecemento como enfermidades profesionais.
  • Mellorar a aplicación informática empregada o ano anterior. .
  • Evitar demoras na asignación das citas e na entrega dos resultados.
  • Ter especial coidado coa protección de datos, xa que nalgúns casos non se respectou a  privacidade. 
  • Galeguización de todo o proceso: impresos e informes en galego. Nin sequera se garantiu o dereito a recibir a información en galego.

ESCRITO ENVIADO Á CONSELLERÍA

Volver