A CIG-Ensino insta á Consellaría a recoñecer xa como servizos prestados as vacacións aboadas e non gozadas do profesorado

A CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito ao conselleiro no que lle lembra o compromiso de recoñecer como servizos prestados o período de vacacións aboadas e non gozadas por parte do persoal substituto que traballou para a administración desde 2001.

Tal e como se comprometeu na Mesa Sectorial do mes de maio pasado, Educación debería comunicarlles por correo electrónico ás persoas interesadas, ao longo deste mes de novembro, o recoñecemento dos días de vacacións non gozadas como servizos prestados, tomando como referencia de cómputo o 10 de maio de 2017.

En outubro de 2001, en resposta ás sentenzas xudiciais gañadas pola CIG-Ensino, a Consellaría tivo que recoñecerlle ao persoal substituto as vacacións proporcionais ao tempo traballado (aboándollas e manténdoo de alta na Seguridade Social). Porén, o que até maio pasado non admitía era incorporar eses períodos como servizos prestados á administración.

No documento remitido esta semana ao conselleiro, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, insta a Educación a comunicarlles canto antes ás persoas afectadas a resolución dese recoñecemento (que computaría para oposicións, trienios e xubilacións) vía correo electrónico, tal e como estaba previsto para este mes de novembro. A día de hoxe, desde a central sindical non temos constancia de que o profesorado interesado teña recibido esa información polo que “esperamos que se execute na maior brevidade posíbel o compromiso adquirido e o persoal docente poida coñecer nos prazos previstos os servizos prestados que a Consellaría lle recoñece”, incide o escrito.

Após esa comunicación, a Xunta tería que proceder a aboar de oficio os atrasos que correspondan en concepto de trienios a computar até o 10 de maio de 2017. Desde o sindicato nacionalista pídese que se teña en conta ese período tamén a efectos de sexenios para evitar que sexa o profesorado o que teña que reclamar posteriormente eses efectos económicos. A CIG-Ensino mantén tamén a reclamación realizada na Mesa Sectorial a respecto de que o prazo de alegacións á proposta de resolución dos servizos prestados sexa de 15 días hábiles e non de 10 como anunciara a Consellaría no órgano de negociación.

Que é o que ten que aparecer nesa comunicación escrita?

Ten que figurar o tempo correspondente a cada contrato de substitución que non deu lugar a vacacións. Por cada mes completo traballado corresponden 2’5 días de vacacións, co que unha persoa que traballase 6 meses tería 15 días de vacacións que, a partir da campaña xudicial da CIG-Ensino, todo o profesorado substituto cobrou, mais que até o momento a Consellaría non repercutiu na súa vida laboral.

No caso de que os días correspondentes a cada contrato se solaparan cun novo contrato a Consellaría non os recoñecerá, pois alega que deben coincidir co remate de cada contrato.

Cal é o período que ten que figurar como cotizado e cales son os seus efectos?

Todo o tempo de vacacións non gozadas, segundo se explica no apartado anterior, así como no propio documento da Consellaría desde o 11 de outubro de 2001. Os efectos son de carácter administrativo (antigüidade para trienios, sexenios e xubilación).

Vai ter efectos económicos?

Si, mais só para aquelas persoas que, sumando ese tempo non cotizado, poidan adiantar o perfeccionamento de trienios ou sexenios.

Por exemplo, unha persoa suma desde 2001 seis meses de vacacións non gozadas que lle serán recoñecidos pola Consellaría nesa comunicación que vimos de reclamar. A partir da data que estipulou a administración, o 10 de maio de 2017, hai que ter en conta eses seis meses, xa que poden adiantar o cumprimento dun trienio. Así, neste exemplo, se unha persoa cumpriu un trienio e un sexenio o 1 de setembro de 2016 este recoñecemento adiantaríase ao 1 de marzo de 2016, polo que a Consellaría ten que aboarlle as contías deses seis meses (35,47€/mes no grupo A2 e 43,51€/mes no grupo A1 no caso dos trienios, con valores de 2017).

Teño que reclamar o pago deses atrasos?

Non, no caso dos trienios. A Consellaría comprometeuse a pagalos de oficio. Sen embargo, teremos que estar vixilantes á hora de revisar que o que se nos recoñeza sexa correcto, para o que nos tedes á vosa disposición. Como indicamos con anterioridade, desde a CIG-Ensino demandamos que a Consellaría tamén pague de oficio os sexenios, ao que inicialmente se negou na Mesa Sectorial.

A CIG-Ensino insta á Consellaría a recoñecer xa como servizos prestados as vacacións aboadas e non gozadas do profesorado

Documento


Volver