A CIG-Ensino insta a Consellaría a dotar os centros do persoal necesario para atender o alumnado con calidade

Despois do éxito das concentracións organizadas polas ANPAs na comarca de Compostela o sindicato maioritario lembra a necesidade de contratar profesorado estable e non “parches” como o Plan Mega e o Proa+, tal e como se fixo tras o acordo asinado en 2007

O departamento que dirixe Román Rodríguez ten que tomar nota inmediata do malestar co que arrancou este curso sobre todo nos centros de infantil e primaria e atender as súas reclamacións. A CIG-Ensino continuará apoiando as mobilizacións e levará aos órganos de negociación todas as reclamacións de persoal que demandan os centros.  

A propaganda da Consellaría segue chocando de fronte coa realidade nos centros educativos  dúas semanas despois de comezar o curso académico. Neste tempo sucedéronse as concentracións e protestas organizadas polas Anpas e o sindicato non deixou de recibir reclamacións por parte do profesorado e dos equipos directivos sobre as necesidades de persoal que non foron cubertas con interinidades e que a estas alturas non permiten o normal funcionamento dos centros. Fundamentalmente as queixas céntranse en que non se pode atender ao alumnado con necesidades, faltan titores e titoras e non hai profesorado suficiente para realizar as gardas e tarefas de coordinación. Entre onte e hoxe houbo concentracións nos colexios de Pedrouzos (Brión), Arcediago (Santiso), Barouta e Ventín (Ames), A Ramallosa e Calo (Teo), Os Dices (Rois) e Quiroga Palacios  e Fontiñas (Santiago). A maiores, noutros centros como o do Pindo as familias non levaron o alumnado ás clases e no colexio de Lousame teñen prevista outra mobilización para finais desta semana. A isto súmanse diversas accións de protesta na comarca do Barbanza, fundamentalmente no instituto e nos colexios de Boiro e Rianxo. 

A CIG-Ensino continuará apoiando todas as mobilizacións que se produzan e demanda que a Consellaría remate coa súa política de “parches” convertendo o que deberan ser contratos de interinidade estables durante todo o curso en substitucións ao abeiro do propagandístico Plan Mega e Proa+, que en realidade son o mesmo programa, financiado con fondos europeos e do Ministerio. 

O sindicato lembra que os centros de secundaria, FP e outras ensinanzas seguen coa mesma situación de saturación no traballo e sen ver ningunha mellora a respecto de recuperación do horario lectivo nin de rebaixa de ratios e de redución da burocracia, mentres que nos colexios de infantil e primaria as escasas melloras vense empañadas porque a Consellaría non dotou de maior profesorado os centros, ao contrario do acontecido no curso 2007/2008 no que o acordo para a redución de horario levou implícita a contratación de máis de 1000 docentes a maiores.

Volver