A CIG-Ensino insiste na necesidade de convocar concurso nas EPAPU cando o profesorado con destino provisional é superior ao 50%

Ao redor dunha vintena de prazas vacantes poderían ofertarse neste ano nun concurso específico para os centros que escolarizan alumnado adulto.

O último concurso específico para as EPAPU é do curso 2016/17. Naquela convocatoria adxudicáronse 5 prazas do corpo de mestres e 22 do resto dos corpos de secundaria. Nos cursos seguintes a CIG-Ensino propuxo nas Mesas Sectoriais que as prazas de EPAPU deben ser convocadas anualmente, sempre que exista un número razoábel delas.

A principios deste curso representantes dos equipos directivos mantiveron unha reunión coa Subdirección Xeral de Ensinanzas de Réxime Especial e nela os responsábeis da Consellaría afirmaron que este ano non se convocaría o concurso, agardando polo curso que vén no que previsibelmente se produciría un número elevado de xubilacións. 

Para a CIG-Ensino non se dan as circunstancias para agardar un curso máis. Logo de contrastar a adxudicación do CADP coas diferentes EPAPU a CIG-Ensino cifra en 22 as prazas que poderían ser ofertadas xa neste momento, contando tamén cos centros penitenciarios. Non ten sentido que neste tipo de centros nos que máis do 50% das prazas están ocupadas por persoal con destino provisional non se cubran cada ano as prazas con horario suficiente.

Neste cómputo non se teñen en conta as 16 vacantes provisionais que saíron este ano no IES San Clemente, que tamén imparte este tipo de ensinanzas, e que nunha boa porcentaxe tamén se poderían converter en definitivas. Por tal motivo, a CIG-Ensino vén de trasladarlle de novo á Consellaría a solicitude de convocatoria do concurso específico e que se convoque Mesa para negociar a orde. 

Volver