A CIG-Ensino insiste en que a Consellaría non deixe ninguén atrás no proceso de integración do profesorado técnico de FP no corpo de profesorado de secundaria
O sindicato insta á administración a non demorar o proceso de integración máis alá deste 2022 dado que se trata dun trámite sinxelo e que pode facer practicamente de oficio.
O sindicato considera que a Xunta está a tempo de rectificar e evitar a xudicialización, entre outros temas, pola discriminación do persoal interino e do que aprobou o concurso-oposición en 2021.
Na reunión da Mesa Sectorial do 25 de outubro tratouse como tema central o procedemento de integración no corpo de PES do profesorado do corpo de PTFP a extinguir. A CIG-Ensino reiterou na Mesa todas as demandas que formulou previamente na negociación co Ministerio e que tamén lle fixera chegar, con antelación a esta reunión, aos máximos responsábeis da Consellaría. A orde tratada regula o paso de A2 a A1 do profesorado que cumpra unha serie de requisitos de titulación universitaria e cunha retroactividade desde o 19 de xaneiro de 2021, data de entrada en vigor da LOMLOE.
A intervención do sindicato maioritario centrouse na proposta de melloras e aclaracións ao texto, así como en evidenciar as contradicións do conselleiro de Educación, crítico coa falta de financiamento do MEFP para esta integración e ruín á hora de recoñecer os dereitos de todo o profesorado cando depende exclusivamente das súas competencias e decisións.
A Consellaría comunicou que tan só se lle vai aplicar a retroactividade a efectos administrativos e económicos ao funcionariado de carreira que estivera prestando servizos en xaneiro de 2021 e que no momento de participar no proceso de integración non estea en situación de excedencia por interese particular ou por incompatibilidade por desempeño doutro posto público. En resposta ás preguntas da CIG-Ensino, a administración confirmou que non vai recoñecer o dereito ao cobro como subgrupo A1 ao persoal interino até o curso 2023/24, cando se produza o 1 de setembro o seu nomeamento para o vindeiro curso. Igualmente, amosou a súa negativa a recoñecerlle a retroactividade ao profesorado que aprobou as oposicións no verán de 2021, ao entender que a norma ministerial só obriga a integralo e, polo tanto, a pagarlle como PES desde o seu nomeamento como funcionariado de carreira en setembro deste 2022. Tamén se pechou en banda a negociar o pagamento dun complemento compensador para aquel profesorado que non se poida integrar por carecer de titulación universitaria, tanto funcionariado de carreira das 19 especialidades que pasan a PES como o que queda no corpo de PTFP a extinguir, como o que pasará a integrarse no novo corpo de PESSFP. Por último, non considerou sequera a posibilidade de pagar a diferenza salarial polos meses traballados ás persoas que xa se xubilaron pero que cumprían o requisito en xaneiro de 2021 e estiveron prestando servizos con posterioridade.
En resumo, a Consellaría procederá, por fin, a integrar no corpo de PES o profesorado que leva agardando desde xaneiro de 2021, neste caso cun atraso do que é unicamente responsábel o Ministerio de Educación, e evitará estender o recoñecemento salarial do subgrupo A1 ao conxunto do profesorado técnico de FP, como lle demandou a CIG-Ensino.
Apelación ao conselleiro e ao presidente da Xunta para que evite unha flagrante discriminación
O sindicato fai unha chamada a quen teña capacidade política, ben sexa o conselleiro ou o propio presidente da Xunta, para que senten a negociar a extensión destes dereitos. De non facelo, serán cómplices e máximos responsábeis e deixarán unha mensaxe ben clara: desprezan a unha parte do profesorado de FP e van provocar que vaian ser os tribunais de xustiza os que diriman o recoñecemento destes dereitos.
A CIG-Ensino promoverá, co rigor habitual, os recursos xudiciais que sexan necesarios para que se respecte o principio de igualdade, ao tempo que insta á administración a unha resolución áxil para aquel profesorado que debería estar cobrando desde hai máis dun ano e medio. En todo caso, lamentamos a falta de consideración e de capacidade de negociación dunha administración que non ten reparos en financiar concertos educativos na FP ou reducir impostos ás grandes fortunas mentres se amosa insensíbel cun xusto recoñecemento salarial.