A CIG-Ensino gaña unha sentenza na que se recoñece o dereito do profesorado interino a cobrar sexenios

A CIG-Ensino consegue dar un paso máis no camiño cara a eliminación da discriminación retributiva do profesorado interino

O Xulgado do contencioso administrativo nº 1 de Santiago de Compostela vén de ditar sentenza recoñecendo o dereito a unha docente interina a percibir o complemento de sexenios. Na sentenza, atendendo o criterio defendido polos servizos xurídicos da CIG-Ensino, a titular do xulgado afirma que tamén para o cobro de sexenios se debe seguir a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que en decembro de 2010 declarou que a Directiva 1999/70/CE do Consello da Unión Europea, pola que se prohiben as discriminacións salariais entre persoal temporal e persoal fixo é de aplicación ao funcionariado interino da Comunidade Autónoma de Galiza. Aquela sentenza do TXUE tamén fora gañada polos servizos xurídicos da CIG-Ensino.

A CIG-Ensino ven demandando á Consellaría de Educación que revise de oficio a súa práctica de discriminación salarial con respecto ao profesorado interino. Fíxose inicialmente co pagamento de trienios e con posterioridade co dos sexenios, ao entender que a normativa legal así como a xurisprudencia europeas, obrigan a erradicar calquera trato discriminatorio co persoal interino.

A Consellaría, contra os dereitos do persoal interino

A resposta da Consellaría de Educación á CIG-Ensino foi denegar inicialmente a demanda do sindicato de que se pagase de oficio a todo o persoal interino o complemento de sexenios, evitando que este numeroso colectivo de docentes tivesen que recorrer á vía xudicial. Con posterioridade, a Consellaría respostou denegando todas as solicitudes que a nivel individual lle foron presentando os funcionarios interinos docentes.

A sentenza do tribunal compostelán é contundente e non deixa lugar a dúbidas malia que contra ela cabe interpoñer recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A Consellaría ten pensado recorrela para tentar demorar o maior tempo posíbel o acceso do profesorado interino a percibir a retribucións que por dereito lle corresponden.

O papel dos xulgados galegos

Neste momento existe, exactamente igual que acontecera no caso dos trienios con carácter retroactivo para interinos, unha conduta errática de diversos xulgados galegos, con  criterios xudiciais discrepantes á hora de resolver diversos recursos sobre o pagamento de sexenios a persoal interino. Así, hai algún xulgado do contencioso da Coruña que ten fallado en contra e un de Ourense a favor. Finalmente todo parece indicar que deberemos agardar a unha sentenza do TSXG, toda vez que a Consellaría non está disposta a modificar a súa decisión de excluír aos interinos do pagamento de sexenios, amparándose nun acordo subscrito no ano 1990 entre a administración e o sindicato ANPE, no que expresamente se restrinxía o dereito a percibir o complemento de sexenios ao funcionariado de carreira.

Desde a CIG-Ensino queremos lembrar que o propio Tribunal Superior galego foi partidario no seu momento, apoiando á Administración, de denegar os trienios retroactivos ao persoal interino para posteriormente virar por completo o seu criterio, obrigado pola sentenza contundente do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en resposta á demanda dos servizos xurídicos da CIG-Ensino. A  CIG-Ensino defenderá perante o alto tribunal galego o dereito do persoal interino a non sufrir ningún tipo de discriminación salarial con respecto ao persoal fixo.

Os sexenios, un complemento vinculado á formación do profesorado.

O complemento de sexenios é un complemento que se percibe cada 6 anos sempre e cando nese período temporal o docente se formase durante un mínimo de 100 horas. Actualmente, e tendo en conta os recortes introducidos no 2010, a conxelación do 2011 e a nova conxelación salarial imposta polo goberno de Núñez Feijoo, estas son as cantidades brutas que se perciben en cada un dos sexenios:

1º sexenio

2º sexenio

3º sexenio

4º sexenio

5º sexenio

59,21 €

76,13 €

101,53 €

143,81 €

42,29 €

Polo tanto, os docentes interinos están a ver recortadas, dun xeito discriminatorio, as súas retribucións mensuais dun xeito progresivo en función da súa antigüidade tal e como se reflicte no seguinte cadro.

Redución salarial do persoal interino con respecto ao funcionariado de carreira polo impago dos sexenios

 

1º sexenio

2º sexenio

3º sexenio

4º sexenio

mestres/as e PTFP

2,84%

6,28%

10,65%

16,59%

Resto do profesorado

2,50%

5,53%

9,35%

14,55%


INFORMACIÓN SENTEZA TRIENIOS

Volver