
A CIG-Ensino gaña unha nova sentenza á Consellaría de Educación pola súa actuación arbitraria ao negarlle a homologación dun curso de normalización lingüística
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza impón 1.500 euros de costas á Consellaría
A negación da Consellaría a homologar en 2011 o curso estivo avalada polas organizacións sindicais CCOO, ANPE e STEG que apoiaron a decisión da Consellaría na comisión de homologación. Estas organizacións sindicais, así como o MEC, outras administracións educativas e as universidades estaban a realizar cursos de formación do profesorado de diferentes duracións, mesmamente de máis de 100 horas, sen ningún tipo de restrición. A propia Consellaría de Educación da Xunta de Galicia ofertaba cursos de “desenvolvemento da competencia comunicativa e lingüística” cunha duración de 100 horas. É dicir, as organizacións sindicais que se opuxeron a que se homologase o curso de 50 horas da CIG-Ensino non tiveron nin teñen inconveniente en organizar e homologar cursos de 30, 50, 100 e 110 horas.
A CIG-Ensino valorou no seu día que a negación e prohibición de Consellaría de homologarlle un curso de 50 horas era, se cabe, máis grave, porque nos seus baremos para o acceso á función pública docente e o acceso a cátedras estabelecía diferentes tramos para a formación, segundo a duración dos cursos, de tal maneira que soamente se podía conseguir a puntuación por algúns apartados se os cursos eran de menos de 20 horas, de máis de 30 horas, de máis de 50 horas ou de 100 horas, dependendo das convocatorias.
A CIG-Ensino advertiu entón que se trataba dunha decisión política disparatada, arbitraria, inxusta e, o que era peor, discriminatoria para o profesorado galego e que non estaba amparada en ningunha norma legal. Por todo isto a CIG-Ensino anunciara a presentación de recurso.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de emitir sentenza, estimando a demanda da CIG-Ensino, anulando a resolución da Consellaría e declarando que “procede acoller a solicitude de homologación do dito curso”. E engadindo unha condena en costas á Consellaría que ascende a 1500 euros.
A CIG-Ensino felicítase por esta sentenza do TSXG e denuncia unha vez máis os prexuízos antigalegos desta Consellaría que mesmo chegou a denegar a homologación dunha actividade de formación, coas consecuencias que agora vemos, unha condena en costas, que deixa patente o que xa denunciara a CIG-Ensino no seu día, que esta era unha decisión política, disparatada, arbitraria, inxusta e discriminatoria. Precisamente, a existencia de indicios de arbitrariedade é un dos sustentos que fundamenta a sentenza do TSXG (“a denegación agora impugnada presenta visos de arbitrariedade”). A sentenza tamén cuestiona que a Comisión de homologación se guiase por un pretendido “acordo” que non puido ser demostrado que se adoptara e que, por outro lado, soamente podería ter o valor dunha recomendación. Por tanto, non podería ser prescritivo, como pretendeu a Comisión de homologación en que CCOO, STEG-STEs e ANPE apoiaron a decisión da Consellaría.
A CIG-Ensino vai esixir a inmediata homologación e tramitación dos certificados correspondentes e agarda que no futuro os prexuízos anti-CIG que guían determinadas administracións e organizacións non atolden a capacidade de razoamento e provoquen arbitrariedades como a que o TSXG vén de corrixir.