A CIG-Ensino gaña de novo as eleccións sindicais no ensino público non universitario incrementando a súa porcentaxe de representación
A CIG-Ensino acada uns extraordinarios resultados con 62 delegados/as, segundo os dados provisionais, os mesmos que hai catro anos, malia que se escollían seis representantes menos
Os resultados provisionais reafirman e fortalecen a CIG-Ensino como a organización sindical maioritaria e de referencia no ensino público, grazas ao apoio amplamente maioritario de profesorado. A CIG-Ensino, segundo os resultado provisionais, podería obter 62 delegados/as, os mesmos que hai catro anos, tendo en conta que se elixían 6 delegados ou delegadas menos que nas de hai catro anos. Esta redución é consecuencia da política agresiva de redución de profesorado da Consellaría de Educación, que fixo que o censo diminuíra en 2.044 profesores e profesoras menos en relación ao do ano 2010.
A CIG acada a maioría absoluta na provincia de Pontevedra co 100% por cento dos votos escrutado e 21 delegados/as. A CIG, segundo os datos provisionais, sitúase tamén con maioría absoluta na Coruña con 23 delegados/as, en Lugo con 10 e en Ourense con 8.
Número de delegados segundo os resultados provisionais
| CIG | ANPE | CCOO | UGT | CSIF | STEG |
A CORUÑA (76%) | 23 | 4 | 7 | 3 | 3 | 5 |
PONTEVEDRA (100%) | 21 | 3 | 5 | 5 | 3 | 4 |
OURENSE (90%) | 8 | 5 | 7 | 4 | 0 | 3 |
LUGO (99%) | 10 | 5 | 2 | 4 | 4 | 2 |
TOTAIS | 62 | 17 | 21 | 16 | 10 | 14 |
Agradecemos publicamente a confianza e apoio que o profesorado vén de amosar co seu voto maioritario á CIG-Ensino. Este apoio maioritario supón un aval e un recoñecemento ao traballo realizado pola CIG-Ensino durante estes catro anos, á nosa oposición ás afrontas e abusos da Consellaría, ao noso combate permanente contra a LOMCE e á nosa loita contra os recortes dos nosos dereitos salariais e laborais e do ensino público e contra a desconsideración co noso idioma.
Estes resultados afianzan o modelo sindical galego, de clase, plural, democrático e participativo, próximo ao profesorado e que aposta por un ensino público, galego, gratuíto, laico e coeducativo que representa a CIG-Ensino.
O señor conselleiro ten que asumir estes resultados de apoio maioritario á CIG-Ensino e asimilar que supoñen a reprobación e a derrota da política educativa da Consellaría, asentada no autoritarismo, no menosprezo do profesorado, no deterioro do ensino público en beneficio do concertado e no desleixo co noso idioma.
Estes resultados supoñen unha emenda á totalidade ao comportamento antidemocratico e ao desmantelamento do ensino público da Consellaría de Educación. A CIG-Ensino exixirá a apertura de negociación para acadar a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado, uns cadros de persoal amplos nos centros, a redución do alumnado por aula, a elaboración dun estatuto galego do profesorado que recolla as reivindicacións do profesorado e unha lei galega de educación. Unha lei galega de educación que leve consigo a derrogación da LOMCE, que se fundamente na defensa do ensino público e laico, na galeguización do ensino , na eliminación dos concertos educativos, nomeadamente os que segregan alumando por razón de xénero; e na consecución dun ensino totalmente gratuíto e equitativo para o cal é necesario dedicar o 7% do PIB.