A CIG-Ensino gaña as eleccións no Centro San Xerome da Guarda e preside o comité de empresa
O pasado 24 de novembro celebráronse as eleccións no Centro San Xerome. A CIG-Ensino gañou as eleccións obtendo tres dos cinco delegados a elixir
Este comité agrupa á totalidade dos traballadores do Centro San Xerome: o persoal adscrito ao centro educativo e ao centro ocupacional e o persoal do Centro Especial de Emprego, por seren as dúas empresas que formalmente están constituídas unha agrupación de empresas a todos os efectos. Este feito quedou patente desde 2013 a través das diferentes sentenzas que se produciron nos diferentes conflitos xudicializados.
Neste contexto, a CIG-Ensino iniciou o proceso de eleccións a comité en abril, mais o proceso xudicializouse, resolvéndose o 20 de xullo mediante laudo arbitral favorábel á CIG-Ensino e que recoñecía que ao ser unha agrupación de empresas cabía realizar a convocatoria de eleccións tal e como defendía este sindicato, dando por válido o preaviso presentado pola CIG. A empresa volveu recorrer ante o Xulgado do Social e o 29 de setembro o Xulgado ratificou o laudo. Mais a pesar de estar aclarado que se podían realizar eleccións a comité,houbo novos atrancos que atrasaron o proceso até finais de outubro rematando o 24 de novembro cun resultado que lle deu maioría no Comité á CIG-Ensino.
A CIG-Ensino agradece a confianza das traballadoras e traballadores que apoiaron a súa candidatura e agarda que, nesta nova etapa, haxa un clima de traballo e negociación favorábel á mellora das condicións laborais do conxunto dos traballadores e traballadoras.