A CIG-Ensino gaña a primeira sentenza en Galiza que recoñece o dereito aos complementos de labor docente e investigador ao profesorado axudante doutor

A sentenza non é firme e a ACSUG xa anunciou que a recorrerá perante o TSXG, o que indica un novo desprezo da Xunta polo PDI con contrato temporal

Diante da incapacidade manifesta da Xunta de Galiza, tanto dos seus máximos responsábeis en materia educativa como da propia Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG) para negociar a equiparación de dereitos retributivos do PDI con contrato temporal, ben sexa interino, colaborador ou axudante doutor, a CIG-Ensino, sindicato maioritario no SUG, comezou xa en xaneiro de 2018 un camiño de reclamacións xudiciais para rematar cunha clara discriminación do persoal docente e investigador con contrato temporal, na liña que reiteradamente vén fixando a xurisprudencia europea ao respecto de garantir un mesmo tratamento a quen realiza o mesmo traballo, con independencia da relación fixa ou temporal.

A estimación parcial por parte da ACSUG da demanda da CIG-Ensino xa no 2018 implicou naquel momento a reapertura do prazo para que o persoal temporal puidese participar na solicitude dos complementos autonómicos polas labores docentes e investigadoras. Porén, a ACSUG limitou ese dereito ao PDI interino, rexeitando o dereito doutras figuras temporais, unha decisión criticada no seu momento polo sindicato. A propia Consellaría de Educación negouse a recoñecer calquera posibilidade de interlocución para solucionar un conflito que afectaba a centos de docentes universitarios que, traballando a xornada completa (un dos requisitos da convocatoria) non tiñan un contrato fixo.  

Un paso máis. Agora, o profesorado axudante doutor

Os servizos xurídicos do sindicato recorreron a denegación do dereito á avaliación para estes complementos a unha profesora axudante doutora da USC na convocatoria do 21 de febreiro de 2019. Agora, un xulgado vén de darnos a razón e considera que a exclusión fundamentada no Decreto 55/2004 non se axusta a dereito. A sentenza fai fincapé en que non se pode diferenciar a figura de axudante doutora doutras temporais, ao entender que non existe ningún “elemento concreto, obxectivo e transparente que xustifique que como profesora axudante doutora… careza do dereito a ver remunerado o seu esforzo formativo en igual xeito que o [profesorado] de carreira ou permanente”. A fundamentación xurídica descansa, tal e como se argumentaba na demanda do sindicato, na doutrina ditada reiteradamente polo Tribunal de Xustiza da UE, no sentido de que xa deixou sinalado que o tempo desempeñado no exercicio profesional tiña que ser retribuído por igual con independencia do vínculo laboral.

O feito de que a sentenza non sexa firme e que a ACSUG teña anunciado recurso implica un atranco máis na consecución do obxectivo de estender o pago deste complementos a todo o profesorado axudante doutor e desde o sindicato agardamos que a sentenza do TSXG confirme a actual e poidamos rematar con esta inxustiza.

Rematar coa precariedade, eliminar as discriminacións

Non deixa de ser lamentábel que sexa na vía xudicial onde se teñan que resolver todos os conflitos laborais que padece o persoal docente e investigador do SUG desde hai anos, cunha Consellaría de Educación, tanto coa anterior conselleira como co actual (por certo, ambos docentes universitarios), que se nega a abrir unha negociación para, como lle reclama a CIG-Ensino, poñer fin a unha serie de discriminacións do PDI temporal que converte ao sector universitario nun dos máis precarizados no sector público. Neste sentido, a CIG-Ensino chama ao conselleiro de Educación a rectificar, desistir do recurso e sentarse a negociar a modificación do decreto 55/2004 na Mesa Sectorial de Universidade, desmantelada e sen funcións desde hai anos.

 

Volver