A CIG-Ensino forza unha reunión coa Consellaría para pedir explicacións sobre a implantación do sistema de acreditación de competencias dixitais docentes

O sindicato afeoulle ao director xeral de Recursos Humanos que se puxera en marcha este programa sen dar información á representación do profesorado e demandou que a Orde que o regule vaia á Mesa Sectorial para poder facer achegas

Nun encontro celebrado onte, a iniciativa da CIG-Ensino, o representante da Consellaría aclarou que non se esixirá contar cun nivel mínimo, aínda que a intención do seu departamento é que, cando menos, todo o profesorado acredite un deles (A1, A2, B1, B2, C1 ou C2); que o que aparece no expediente persoal de cada docente en Fprofe non está actualizado; que nestes intres xa hai oferta formativa para acreditar os niveis A2 e B1 e que estas acreditacións terán repercusión para a carreira docente. Neste sentido non concretou como, aínda que insinuou que non se esixirá para acceder á función pública docente tanto por concurso-oposición como por apertura de listas pero que si podería baremarse no CXT, aínda que isto último depende do que se negocie co Ministerio de Educación.

Despois das múltiples queixas recibidas desde a semana pasada, cando a Consellaría de Cultura e Educación se dirixiu por correo electrónico ao profesorado anunciando a posta en marcha do sistema da Competencia Dixital Docente (CDD) e que xa se podía consultar en Fprofe o nivel de acreditación actual que tiña cada docente, a CIG-Ensino púxose en contacto cos responsábeis deste departamento para amosarlle a nosa desconformidade de novo tanto polo fondo como polas formas á hora de proceder neste tema. En primeiro lugar afeóuselle que non se tivera en conta á representación do profesorado e que non se nos informara de que se ía poñer en marcha este programa. En segundo, que se se pretende publicar unha Orde que regule este novo sistema, non ten sentido empezar a súa implantación e que dita normativa debe pasar antes pola Mesa Sectorial, para que todo o persoal docente a través das organizacións sindicais presentes neste órgano, poida coñecer o seu contido e presentar as achegas que considera pertinentes.

Por outro lado, o sindicato ve neste tipo de programas un intento de homoxeneización das competencias dixitais que ten que ter todo o profesorado, cando as especificidades de cada etapa educativa son moi diferentes, e que unha vez máis se desvía a atención sobre o importante. Nestes intres hai múltiples problemáticas no traballo diario nas aulas que requiren do máximo esforzo e de contar con máis recursos humanos, como todo o que ten que ver coa atención á diversidade, aulas masificadas e ratios de número de alumnado por profesorado moi elevados, e mentres estas necesidades non se antenden inclúese cada vez máis unha sobrecarga de traballo e de formación extra que en moitos casos terá pouca aplicación real na práctica docente.

Aclaracións da Consellaría sobre as Competencias Dixitais Docentes

O director xeral de Recursos Humanos comezou a reunión desculpándose por non convocar  aos sindicatos con antelación, cousa que posiblemente non fixeran se non recibisen a petición de reunión levada a cabo pola CIG-Ensino. A continuación o xefe de Servizo de Formación lembrou que as CCAA e o Ministerio de Educación levaban varios anos traballando para definir un marco común para o desenvolvemento da formación e da acreditación da competencia dixital docente que se concretou na Resolución do 4 de maio de 2022 da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial. Nela defínese a Competencia Dixital Docente (CDD) sobre 6 áreas competenciais que se subdividen en 23 competencias e 6 niveis de rendemento e os seus indicadores de logro. Do traballo entre CCAA e Ministerio chegouse a estabelecer un procedemento común para a aplicación do Marco e a acreditación da Competencia  Dixital Docente que se publicou nunha Resolución do 1 de xullo de 2022, da que até o momento non se deu máis información oficial nin se convocou ás organizacións sindicais para explicarlles como se levaría a cabo,  tal e como lembrou  a CIG-Ensino. 

Desde a administración aclaran que non hai un nivel mínimo esixíbel para o profesorado, aínda que a súa intención é que cada docente acredite como mínimo un deles e que, a partir de aí, que o vaia mellorando. Para concretar o estabelecido no marco común e aplicalo a Galiza, vaise elaborar unha Orde que se publicará en breve, posiblemente a finais de marzo, na que se especificará que a acreditación A correspóndese cun nivel básico de posta en práctica, a acreditación B cun nivel avanzado e a C cun nivel correspondente a persoas que investigan, coordinan e innovan dixitalmente. Por parte da CIG-Ensino esixiuse que o contido desta Orde pase pola Mesa Sectorial para que todo o profesorado o coñeza con antelación e poida presentar achegas a través da súa representación sindical.

Formas de acreditación

Na reunión, os responsábeis da Consellaría aclaran que van existir distintas vías de acreditación:

1ª).- Aínda que os currículos están en proceso, pretenden que os títulos de grao de primaria e de secundaria acrediten directamente os niveis de competencia máis básicos: A1 e A2.

2ª).- A formación recibida será o núcleo das acreditacións. Nas reunións mantidas co Ministerio acordouse recoñecer unicamente as actividades realizadas a partir de setembro de 2018. Coa formación recibida non se poderá chegar ao nivel C. Neste momento xa se poden solicitar algúns cursos desde FPROFE para completar niveis ata o nivel B2. Porén, teñen previsto ofertar formación específica a partir de setembro deste ano para quen estea interesada ou interesado en acreditar os distintos niveis. Como excepción ao que recolle a Orde formación do profesorado, a realización destes cursos poderá simultanearse con outros na modalidade a distancia. Sobre este punto a CIG-Ensino insiste na súa demanda histórica de que a formación debe poder realizarse en horario laboral e máis cando neste caso se trata practicamente dunha imposición que parte do Ministeiro e das CCAA.

Con respecto ao que aparece no expediente persoal de cada docente nestes intres en FPROFE, a Administración aclarou que as cores vermellas das cruces dos niveis inferiores cando se ten acadado un nivel superior completo serán corrixidas en breve xa que se trata dun erro; enténdese, polo tanto, que a acreditación nun nivel concreto significa que se teñen superados os inferiores.

Segundo indicaron, até o momento teñen revisada o 80% da formación recibida polo profesorado e impartida pola Consellaría, que é o que se pode ver na pestana de “Acreditacións” de FPROFE. Faltan por actualizar, polo tanto, os cursos realizados polos sindicatos e homologados pola Consellaría, a impartida polas Universidades ou por outras administracións educativas, polo profesorado e todos os cursos e proxectos de formación que se realizan nos centros.

A CIG-Ensino tamén está en total desacordo con que se avise ao profesorado para que consulte unha información que está incompleta e sen cotexar. A administración debería ser máis rigorosa, dado que ao persoal docente se lle esixe sempre entregar a documentación ou realizar os trámites completos e non deixar o traballo “a medio facer”.

3ª).- Realización dunha proba ou exame por parte das docentes que a queiran realizar. Está pendente o seu deseño por parte do MEFP, quen quedou de elaborar unhas ferramentas para poder levalo a cabo. Se tardase moito en estar dispoñíbel a Consellería tratará de habilitar un modelo de proba propio.

4ª).- A través da observación nas aulas ou no centro do profesorado que o solicite ou se anote a este método de acreditación, chegado o momento. Haberá persoas preparadas para levar a cabo esta observación e con capacidade para acreditar estes niveis. A observación está prevista para os niveis b1, b2, c1 e c2.

5ª).- A través de “evidencias”: coordinacións varias como Edixgal, profesorado que imparte informática e TICs, docentes que imparten formación a través de Platega, titulacións específicas de informática etc. poderán servir para conseguir unha acreditación directa. Esta fórmula só se empregará para os niveis C.

Repercusión destas acreditacións.

Segundo se extraeu da reunión cos responsábeis da Consellaría está previsto que nun futuro a acreditación de competencias dixitais teña repercusión na carreira docente e se teña en conta, por exemplo, para concursos como o CXT, aínda que como este está regulado por unha orde marco do Ministerio terá que modificarse o baremo específico do mesmo. Tamén se aclarou que non se penalizará a aquel profesorado que non teña un nivel concreto, nin se esixirá tampouco para as probas de acceso á función pública docente ou para a permanencia nas listaxes de substitución. Nunha conversa previa á reunión de onte, desde a Consellaría aseguróusenos á CIG-Ensino que estes niveis de acreditación poderán terse en conta para acceder a determinadas coordinacións ou prazas, relacionadas tematicamente co desempeño dixital, pero que en ningún caso levarían aparellado obter un complemento económico.

Por parte da Consellaría incidiuse en que a Xunta, non o profesorado individualmente, ten o compromiso de que un 80% do persoal docente  teña un nivel acreditado (non importa cal) no ano 2024, polo que porá os medios para que a maior parte do mesmo acade este obxectivo.

Valoracións da CIG-Ensino

Tal e como se puxo de manifesto na reunión, para o sindicato maioritario no ensino público galego, aConsellaría improvisa de novo e actúa mal nas formas, por todo o sinalado sobre non ter previsto contrastar previamente o contido da futura Orde, organizar unha xornada para as direccións dos centros deixando á marxe ás organizacións sindicais e enviando un correo ao profesorado cando a información cargada en FPROFE non está cotexada ao 100%, entre outras cuestións.

Desde a CIG-Ensino podemos estar de acordo en que haxa un mínimo común de competencia dixital para o profesorado pero tendo sempre en conta que o noso principal papel é como educadores e educadoras e, por suposto, as especificidades de cada posto de traballo e de cada etapa educativa.Non teñen nada a ver as competencias dixitais que pode precisar unha mestra de infantil, unha especialista de Pedagoxía Terapéutica, unha profesora de FP dunha rama relacionada coa tecnoloxía ou un profesor de Conservatorio... Estamos en contra dun sistema que homoxeinice o que non é igual.

Nunha primeira avaliación semella tamén que se premia de partida a colaboración  naqueles programas impulsados pola administración relacionados coas TICs outorgando niveis de acreditación directos, por exemplo, a quen coordina Edixgal, o programa Polos Creativos ou a quen creou cursos para Platega, deixando á marxe outras moitas competencias que son máis difíciles de avaliar pero que son de emprego habitual nas aulas. Todas estas “evidencias” das que falaron os responsábeis da Consellaría na reunión deben quedar ben definidas nesa futura orde para que moito profesorado que leva innovado neste eido durante os últimos anos e que produce contidos dixitais de gran calidade para as súas aulas non se vexa abocado a facer formación innecesaria e se lle teña en conta todo ese traballo feito.

Aínda que esta acreditación veña imposta polo goberno central, á CIG-Ensino preocúpalle especialmente que a administración introduza máis elementos que supoñan unha carga de traballo e de formación extra, na mesma tendencia que o incremento da burocratización en detrimento do noso papel como docentes, en moitos casos con pouca ou nula aplicabilidade no seu traballo diario, nun momento no que as necesidades educativas máis acuciantes se centran no reforzo dos cadros de persoal, na diminución das ratios e nunha atención máis individualizada á enorme diversidade existente nas aulas. Así mesmo, polo que se pode intuír da introdución de novas aplicacións ou usos das xa existentes (Abalar, Inventario, Transporte...), isto suporá que o profesorado en xeral e os equipos directivos en particular deberán asumir cada vez máis labores de xestión e de administración. En resumo, pasarán máis tempo diante do ordenador e menos atendendo o alumnado.

Aínda que semella que esa é a intención da administración, a CIG-Ensino defenderá que esta acreditación sexa opcional, que se facilite en horario lectivo acadar os diferentes niveis para quen así o queira e que se teñan en conta moitas outras variábeis á marxe da formación cursada para a Consellaría sen necesidade de ter que elaborar porfolios persoais ou de que fagan avaliacións externas nas aula.

Neste sentido, facemos extensíbel unha reflexión que cremos que é o sentir maioritaro do profesorado. O sistema educativo público imita cada vez máis o mundo da empresa, do marketing e da consultaría, chegando ao extremo de que o profesorado teña que actuar de comercial de si mesmo intentando venderse como produto de cara á administración, ao alumnado e ás familias. A mensaxe que se está trasladando, alentada por todas as administracións educativas, tanto pola Xunta como polo Ministerio, é que “se non manexas as últimas ferramentas dixitais xa non podes ser un “bo/boa” docente”, algo que desde o sindicato rexeitamos frontalmente.

Igualmente haberá que analizar con detalle para que servirá a consecución dos distintos niveis. Se é para optar a diversas prazas terá que ser algo razoábel, como no caso de candidaturas ao posto de director ou directora dun centro ou en determinadas asesorías e coordinacións relacionadas coas TICs, pero non para calquera concurso, e menos para o de Traslados. Xa no seu momento se introduciu a variábel dos idiomas estranxeiros no baremo sen que isto supoña na maior parte das prazas ningunha mellora substancial das nosas capacidades e aptitudes docentes.

En resumo, para a CIG-Ensino este sistema non debe converterse nun procedemento máis para incrementar a burocracia e a formación innecesaria de todo o colectivo docente. Debe buscarse a flexibilidade para que se poidan acreditar as competencias dixitais que se requiren para cada perfil de posto de traballo, neste caso, adaptado á etapa, nivel educativo ou tipo de ensinanza, facilitando a consecución dos distintos niveis de diferentes formas e se é mediante formación que se poida realizar en horario laboral, como ocorre noutros sectores.

CIG Informa reunión coa Consellaría sobre acreditación de competencias dixitais docentes

Documento


Volver