A CIG-Ensino faise eco das continuas queixas do profesorado pola insoportábel carga burocrática, incrementada pola elaboración das novas programacións

O sindicato denuncia que a propia administración, que non foi quen de ter os novos currículos ao día, someta agora o profesorado a presións para presentar as PD que, unha vez máis, se amosan inútiles e mesmo obstaculizan a práctica docente na aula

As queixas céntrase sobre todo na escasa formación recibida, á que non puido acceder todo o profesorado e que se revelou pouco práctica á hora de afrontar a elaboración das PD na aplicación informática; na falta de asesoramento a nivel de centros, ficando reducido a unha ineficiente atención telefónica, nos criterios totalmente aleatorios empregados polas inspeccións para flexibilizar a data de entrega e na disociación entre os contidos das mesmas e o traballo diario nas aulas.

A carga burocrática, que se suma ao incremento de horario e de número de alumnado que debe atender a maioría do profesorado cada vez máis estes últimos anos, faise aínda maior neste curso 2022/23 no caso dos cursos impares nos que, por primeira vez, se debe utilizar a aplicación informática PROENS para a elaboración das programacións didácticas.

Se ben nas últimas mesas sectoriais a Consellaría contestou as peticións de flexibilidade presentadas pola CIG-Ensino para flexibilizar os prazos de entrega das programacións e incrementar a oferta formativa, o certo é que no sindicato estamos a recibir queixas de profesorado sometido a presións para que fagan a entrega canto antes. Como unha administración educativa pode mostrar tal grao de cegueira e desnorte que non percibe que o profesorado se ve na obriga de realizar tarefas administrativas que comen o seu tempo de traballo no lectivo de xeito que non poden dedicarllo realmente á docencia? Como unha administración educativa pode ser tan xorda ao clamor do seu persoal que pide poder exercer a súa profesión de xeito digno sen ter que perderse cada día nun mar de trámites e aplicacións informáticas que pouco ou nada teñen que ver co verdadeiro ensino?

Pedir contas por parte de quen non as rendeu

A CIG-Ensino quere denunciar a irresponsabilidade da Consellaría, que esixe ao profesorado o que ela mesma non fixo en tempo. Remontándonos ao mes de maio, desde o sindicato xa chamabamos a atención sobre o progresivo incremento da burocracia e do desatino de obrigar o profesorado a dominar aplicacións informáticas que nin estaban accesíbeis naquel momento nin o estiveron cando comezou o curso, alén de que o manual de usuario empregaba terminoloxía da LOMCE. O profesorado viuse na obriga de formarse moitas veces fóra da oferta formativa que ofrecía a propia Consellaría porque esta non foi quen de satisfacer todas as peticións de prazas recibidas para os cursos específicos de manexo da aplicación PROENS. Con estes antecedentes, desde o sindicato maioritario no ensino público cuestionamos que a administración estea agora a utilizar a parte da inspección educativa como aguillón contra o profesorado cando ela mesma non cumpre coa súa obriga.

Segundo a Consellaría o profesorado debe educar, guiar, organizar, ser interlocutor da comunidade educativa, investigar, innovar, comunicar en linguas oficiais e estranxeiras e, ademais, ser competente en tecnoloxías; velaí as nosas competencias indispensábeis para ser bos e boas docentes.  Desde a CIG-Ensino queremos transmitirlle á Consellaría que o profesorado non é nin quere ser un cíborg e que quere exercer a súa función sen encorsetamentos burocráticos que tan só serven para cubrirlle as costas á administración e que están totalmente afastados do traballo real nas aulas.

Ademais, entre algúns dos problemas concretos que nos traslada o profesorado está a imposibilidade de realizar adaptacións curriculares nin a PD de adultos, a non publicación aínda dos currículos dos ámbitos da FP básica e das optativas de bacharelato, a falta de modelos nalgunhas materias como francés no caso de ser primeira lingua estranxeira e sobre todo, algo que xa denunciou a CIG-Ensino e que require dunha rectificación no sen sentido en que están a converter as administracións o ensino, a total inoperatividade desta ferramenta para a etapa de Educación Infantil.

Recollendo a voz do profesorado, desde a CIG-Ensino esixímoslle á Consellería a flexibilidade prometida coa entrega de tarefas e a reorientación das súas directrices encamiñadas nestes momentos a empecer un ensino público de calidade como o noso alumnado merece.

Volver