A CIG-Ensino fai balance da lexislatura na Consellaría de Educación e propón as medidas que cómpre abordar con carácter inmediato
Rolda de Prensa balance lexislatura
Asistiron á rolda de prensa o Secretario nacional Anxo Louzao e a membro da Executiva Marta Dacosta. En primeiro lugar Anxo Louzao evidenciou que a Consellaría de Educación non acreditou na nosa capacidade como nación para camiñar cara á conformación dun verdadeiro sistema educativo galego, pois non se elaborou unha lei galega de educación, nin do sistema universitario galego, nin o estatuto galego do profesorado e realizouse unha aplicación da LOE cunha visión moi centralista.
A CIG-Ensino fai balance da lexislatura na Consellaría de Educación e propón as medidas que cómpre abordar con carácter inmediato
Asistiron á rolda de prensa o Secretario nacional Anxo Louzao e a membro da Executiva Marta Dacosta. En primeiro lugar Anxo Louzao evidenciou que a Consellaría de Educación non acreditou na nosa capacidade como nación para camiñar cara á conformación dun verdadeiro sistema educativo galego, pois non se elaborou unha lei galega de educación, nin do sistema universitario galego, nin o estatuto galego do profesorado e realizouse unha aplicación da LOE cunha visión moi centralista.
A continuación, afirmou que unha das maiores eivas foi a falta de compromiso real coa galeguización do ensino e a normalización lingüística, pois non se adoptaron todas as medidas necesarias para a aplicación do Decreto 124/2007. Hai varios aspectos do Decreto que seguen sen se desenvolver como o relativo á formación do profesorado, a elaboración dun plan dirixido á poboación inmigrante ou a avaliación do cumprimento do Decreto.
A Consellaría de Educación afianzou a política privatizadora herdada do goberno anterior. Neste momento acaba de convocarse unha orde segundo a cal van destinarse 1020 millóns de euros, nos catro próximos anos, para concertos educativos (aproximadamente o 50% dos orzamentos da Consellaría de Educación para o 2009). O único avance que se produciu neste capítulo, e despois da demanda da CIG, é que se esixirá aos centros a escolarización mixta.
Foron varios os incumprimentos de temas recollidos no pacto de goberno como a redución da ratio a 15 alumnos/as por aula en infantil, o incremento até o 6% do PIB, a non elaboración do Estatuto galego do profesorado, a elaboración dun plano de prevención e redución do fracaso escolar ou o estabelecemento dun ordenador por cada dous alumnos/.
A Consellaría, en varias ocasións, actuou máis desde unha perspectiva propagandística que atendendo as necesidades reais do ensino. Así o fixo na establecemento dos comedores escolares que se implantaron fundamentalmente pola colaboración das ANPAs e das administracións municipais, no transporte que segue a ditar os horarios dos centros, nas actividades extraescolares, no observatorio de convivencia escolar, etc.
Por outro lado, hai conflitos que non foron resoltos e están aínda pendentes como a perda de carga lectiva en determinadas materias,en Bacharelato, a estabilidade do profesorado interino, a ausencia dun calendario de temas a negociar e o conflito que se xerou ao redor da eliminación da xornada reducida en infantil e primaria, así como a ausencia doutro tipo de profesionais nos centros ou a non dotación de persoal administrativo.
Durante estes tres anos e medio,si houbo pequenos avances como os acordos asinados sobre os cadros de persoal e de redución de horario lectivo do profesorado, o acordo salarial de 2006 e avances nas condicións da vida laboral e familiar, xeneralización da gratuidade dos libros de texto ou a negociación das condicións de traballo do profesorado itinerante.
Anxo Louzao rematou a rolda de prensa anunciando que a CIG-Ensino esixirá á futura Consellaría as seguintes medidas urxentes: a elaboración da Lei galega da educación e a Lei do sistema universitario galego, o recorte e supresión dos concertos no ensino non obrigatorio, a aplicación do 6% do PIB no Ensino público, unha nova ordenación escolar e o reforzo do ensino no medio rural, extensión dos servizos complementarios a todos os centros, redución das rateos, ampliación dos cadros de persoal, elaboración dun plan contra o fracaso escolar, dotación de máis profesorado, elaboración dun estatuto do profesorado galego, mellora da xubilación anticipada e regulación da redución horaria aos maiores de 55 anos, mellora das retribucións e negociación de estabilidade para o profesorado interino.