A CIG-Ensino expuxo en rolda de prensa as razóns polas que esixe a retirada do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Escolar

O Consello Escolar tratará o anteproxecto o 28 de xaneiro

Hoxe, día 18 de xaneiro, Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, valorou, en rolda de prensa, o anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa e expuxo as propostas, campaña e accións que a CIG-Ensino vai levar a cabo. Para a CIG-Ensino, o feito de ter presentado un proxecto de participación da Comunidade Educativa en período de vacacións, sen consulta previa, con escasa marxe para presentar emendas e sen convocar a Mesa Sectorial xa é unha mostra de que non hai interese real ningún en que sirva realmente para o que enuncia no nome.

Hoxe, día 18 de xaneiro, Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, valorou, en rolda de prensa, o anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa e expuxo as propostas, campaña e accións que a CIG-Ensino vai levar a cabo.

Para a CIG-Ensino, o feito de ter presentado un proxecto de participación da Comunidade Educativa en período de vacacións, sen consulta previa, con escasa marxe para presentar emendas e sen convocar a Mesa Sectorial xa é unha mostra de que non hai interese real ningún en que sirva realmente para o que enuncia no nome.

Anxo Louzao incidiu na exixencia da retirada do dito anteproxecto, entre outras razóns, por ter fundamentalmente como intención prioritaria impedir a impartición de aulas en galego, pois as outras cuestións podían regularse sen necesidade de ter rango de lei. Cuestións que, por outra parte, responden realmente a criterios correctivos e represivos e non formativos e educativos, pretendendo xudicializar a vida escolar, en lugar de asentarse no principio de formación integral da persoa.

É un proxecto de Lei importado do PP de Madrid, de costas á realidade social e ao sistema educativo galego, pois non dá resposta ás necesidades deste. Segue sen recoñecer a importancia e valoración da función docente do profesorado.

Desde a CIG-Ensino insístese en que está precedida dunha total ausencia de participación e debate, cargada de demagoxia e afán propagandístic

O colmo da demagoxia é que se fale de reforzar a autoridade do profesorado nun momento no que se están a suprimir prazas, baixar o salario, impoñerlle tarefas como as gardas antes do horario lectivo ou prohibirlle facer uso do comedor escolar, aínda que sexa pagando. Nunca tan desprezada estivo a profesión docente e sobre todo no que se refire precisamente á cacarexada participación, pois mesmo se exclúe a súa opinión sobre o currículo, mentres se lle dá esa potestade aos pais e ás nais que, obviamente, carecen da formación axeitada para ese cometido, e que en calquera caso xa teñen hoxe canles de participación como son as ANPAS e os Consellos Escolares. É, ademais, tendencioso que só se lles pregunte aos pais e ás nais sobre a cuestión do idioma, xa que existen nestes multitude de prexuízos pola falla de normalización e, en cambio, non se consulten sobre outros aspectos do sistema educativo como é o caso da súa privatización, desviando 250 millóns de € para o ensino privado concertado cada ano.

Preténdese crear alarma sobre a conflitividade nos centros para reducir a educación a un problema de orde público para o cal se precisan medidas exclusivamente represivas e non se fala de medidas educativas que si servirían para favorecer a convivencia e a mellora do sistema educativo como é a redución das ratios, incremento de profesorado, dotación de máis profesionais específicos de apoio (orientadores) e outros recursos que nestes momentos están precisamente a sufrir recortes importantes.

A CIG-Ensino, polas anteriores razóns, ten presentado unha emenda á totalidade solicitando a retirada deste proxecto que defenderá na reunión do Consello Escolar do vindeiro día 28 de xaneiro. Consideramos que xa sería o colmo que o máximo órgano de participación da Comunidade Educativa ditaminase en contra desta lei de Participación e Convivencia e que a Consellaría seguise para adiante con total desprezo da opinión deste organismo.

A Consellaría ten agora a oportunidade de rectificar. Agardamos que retire este anteproxecto, reabra un amplo debate no ámbito do ensino, convoque a Mesa Sectorial e, a partir de aí, se elabore unha verdadeira Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega que pasan por, entre outras, dotar de profesorado suficiente os centros públicos, reducir o alumnado por aula, incrementar o investimento no ensino público para facer real a igualdade de oportunidades, incrementar os recursos para a atención á diversidade e a educación personalizada e restituír os nosos salarios. Sería a única maneira de que o alumnado galego teña o ensino que lle corresponde e o profesorado poida desempeñar o seu traballo en condicións satisfactorias. Esta é, e non outra, a autoridade que precisa e demanda o profesorado galego.

A CIG-Ensino levará a cabo unha campaña con máis de 1200 asembleas nos centros, recollida de sinaturas, pronunciamentos dos Claustros e non descarta mobilizacións para impedir que, máis unha vez, a Consellaría lexisle contra a Comunidade Educativa en función de intereses partidistas reaccionarios.

Volver