A CIG-Ensino exixiu a retirada do decreto de creación de centros integrados

A CIG-Ensino levántase da mesa sectorial en contra da reconversión dos centros educativos para suprimir profesorado e recortar unidades

Representantes da CIG-Ensino e alumnos de diversos centros integrados de FP, concentrábanse esta mañá fronte a consellaría de Educación, en San Caetano, coincidindo coa xuntanza da mesa Sectorial na que se debatía, como primeiro punto, o “Proxecto de Decreto polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional, se fusionan centros educativos e se cambian ensinanzas”. A CIG-Ensino manifestou a súa oposición á “imposición” dun decreto que supón a supresión de 73 unidades da ESO e do Bacharelato, 198 profesores/as e a desaparición de máis de 1.531 postos escolares públicos. A CIG-Ensino exixiu a retirada do proxecto de decreto de conversión dos IES en centros integrados e, unha vez que o Director Xeral, Mira Lema, se mostrou absolutamente contrario a retiralo, levantámonos da Mesa.

“Estamos ante unha proposta que supón deteriorar o ensino público, favorecendo ao ensino privado concertado, porque nas cidades serán estes os centros receptores do alumnado. É unha proposta de reconversión, un ERE encuberto no ensino público, que se pretende aplicar xa para o vindeiro curso”. Así resumía o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, os obxectivos que se agochan tras deste proxecto de decreto que pretende aprobar a consellaría de Educación. 

Fronte a isto, a CIG-Ensino propuxo, na mesa sectorial, a retirada deste proxecto e a apertura dun debate amplo, contando con toda a información necesaria para avaliar o seu impacto e tratando de chegar ao máximo consenso entre toda a comunidade afectada. “A partir de aí, se hai que reordenar a FP e as ensinanzas de secundaria, que se faga. Ao que non estamos dispostos, porque é impresentábel e inasumíbel, é a que impere como pauta de actuación o desprezo, a desconsideración ao profesorado e ao conxunto da cidadanía e con eses máis de 1.500 alumnos e alumnas que tiñan previsto continuar os seus estudos no centro no que comezaron e non o van poder facer”.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou tamén que os 198 profesores e profesoras afectados que tiñan eses centros como destino definitivo, non puideron participar no recente concurso de traslados porque non sabían que se ía suprimir o seu posto de traballo e que agora quedan sen el. Do mesmo xeito criticou a destrución das 73 unidades previstas que o ensino público estaba ofertando nas cidades e que van pasar para o ensino privado-concertado. 

“Ante esta situación propuxemos, que ou ben retiraban ese proxecto, abrindo ese debate para o curso 2011-2012 ou, senón retirariámonos da mesa sectorial, como así fixemos, porque non estamos ante un caso illado senón ante un comportamento sistemático desta consellaría de Educación”, asegurou Louzao, quen engadiu que á consellaría non lle importa a opinión da comunidade escolar, e si pór en práctica o que definiu como “un ataque ao ensino público postobrigatorio sen precedentes, fundamentalmente nas cidades, que é onde ten o seu negocio o privado concertado”.

A CIG-Ensino lamenta que, máis unha vez, CCOO e ANPE non estiveran dispostos a levantarse da Mesa Sectorial, seguindo a tratar os outros puntos da orde do día como se nada pasase. Esa actitude, contraria á que toman as OOSS que representan preto do 70% do profesorado, supón un balón de oxíxeno para a propia Consellaría.

Máis información:

Ligazón 1

Ligazón 2

Volver