A CIG-Ensino exíxelle á Consellaría un cálculo correcto das retribucións das bolsas na FP Dual
O sindicato denuncia que as contías na modalidade de bolsas de axuda é inferior, nalguns casos, á metade da contía do SMI regulado para o réxime laboral.
Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, presenta un escrito dirixido ao conselleiro de educación e ao director xeral de formación profesional para que tome as medidas oportunas que regularicen a situación.
A vinculación retributiva do alumnado coas empresas na FP dual no sistema educativo pode realizarse polo réxime laboral ou polo de bolsas.
No réxime laboral non hai dúbida ao respecto de que a percepción mínima que o alumnado debe obter durante a estadía formativa na empresa é a metade do valor do SMI; isto é, un mínimo de 583,33 €/mes, cálculo que se obtén tendo en conta a parte proporcional ao tempo traballado das 14 pagas mensuais.
No réxime de bolsas, e tal e como recolle o artigo 33 do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, o importe vincúlase ao recollido en cada acordo.
A Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidade, recolle na GUÍA BÁSICA DA FP DUALpublicada na súa web que a remuneración mensual da bolsa na FP dual será unha porcentaxe do salario mínimo interprofesional en proporción á actividade profesionalizadora desenvolvida, e non poderá ser inferior á metade da contía do SMI. Isto implica unha equiparación a todos os niveis das remuneracións polas dúas vía (laboral e bolsas).
Porén, a realidade lévanos a contemplar como existen bolsas por un valor inferior ao sinalado anteriormente. Nalgún caso temos constatado como o cálculo faise tendo en conta tan só o valor das 12 mensualidades, obtendo unha remuneración inferior ao fixado e publicitado pola Consellaría.
Tendo en conta o anterior, desde a CIG-Ensino instamos á Consellaría a que adopte as medidas oportunas para regularizar a situación, revisando os diferentes convenios coas empresas acollidas á FP dual e que se garanta que o pagamento das bolsas debe ser, como mínimo, en contía igual á metade do SMI mensual coas pagas extra prorrateadas.