A CIG-Ensino exíxelle á Consellaría que o Día de Rosalía forme parte do calendario escolar

E que o Panteón de Galegos Ilustres pase a ser de carácter público

Na Mesa Sectorial do 10 de febreiro, a CIG-Ensino exixiulle á Consellaría de Educación que atendese a petición que vimos realizando ano tras ano para que o Día de Rosalía forme parte do calendario escolar. A proposta da CIG-Ensino baséase na necesidade de seguirmos a difundir a obra da nosa autora fundacional e, a través dela, enaltecer a nosa lingua e contribuír á súa normalización. Para a CIG-Ensino, é necesario darlle a esta data o relevo que merece, xa que a figura de Rosalía de Castro contribuíu enormemente á conciencia colectiva de termos un idioma propio e a darnos azos para seguir reclamando o lugar que lle corresponde.

Animámosvos a que apoiedes, adoptando resolucións dos claustros ou recollendo sinaturas entre o profesorado, a proposta de resolución que vos achegamos ao final deste escrito para reclamar a inclusión do Día de Rosalía no calendario escolar e a apertura ao público do Panteón de Galegos Ilustres, de xeito que todas as galegas e os galegos que o desexen poidan visitar a tumba de Rosalía e a doutros escritores que alí se atopan como Castelao e Cabanillas.

Por outro lado, trasladámosvos que a CIG-Ensino apoia a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, para conmemorar o día de Rosalía e súmase á proposta de celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor.

Finalmente, animámosvos a que participedes nas lecturas colectivas que a AELG vai realizar en todo o país, o 24 de febreiro, e mesmo no acto nacional que se celebrará o domingo 22 no Panteón de Galegos Ilustres.

Feliz día de Rosalía!

 

Proposta de resolución: Día de Rosalía

O profesorado ou o equipo de normalización lingüística do centro ................................................................................., concello de …………............, proponlle que se inclúa no calendario escolar o 24 de febreiro como Día de Rosalía, co obxecto de realizar actos escolares que difundan a obra da escritora que inaugurou o renacemento literario galego no século XIX, dotando a nosa lingua de dimensión literaria universal. A obra de Rosalía é o punto de arranque da dignificación do noso idioma e a valoración e difusión da súa obra é unha actividade normalizadora, útil e necesaria.

Reclamamos tamén que o Panteón de Galegos Ilustres, onde se achan os restos de Rosalía, Castelao e Cabanillas, entre outros, pase a mans públicas e estea aberto ao público, de xeito que calquera persoa que o desexe poida visitar este lugar de referencia para a nosa cultura.

Rosalía é un símbolo, o símbolo da dignidade do pobo galego, e por iso segue a ser necesario o coñecemento e a difusión do seu legado.

…………………,…de …………..de 2015

 Remitir este escrito ao conselleiro de Educación gabinete.culturaeducacion@edu.xunta.es, fax: 881999347 e unha copia á CIG-Ensino organizacion@cig-ensino.com, fax: 981 575 839. 


Volver