A CIG-Ensino exixe que se negocie xa este mes a recuperación do horario lectivo e a redución das ratios e da burocracia docente en Galiza

Ademais do recorte de 89 prazas de mestras denunciado no verán, a taxa de interinidade superará o 8,5% pola falta de reposición das xubilacións e máis dun terzo do persoal provisional terá que impartir materiais das que non é especialista ou itinerar.

Logo do silencio da Consellaría ante a mobilización promovida polo sindicato maioritario no ensino público galego a finais do curso pasado, a central nacionalista entende que só queda aberta a vía das mobilizacións e da folga para recuperar os dereitos laborais arrebatados se a administración non avanza alternativas.

A redución da sobrecarga lectiva que afronta o profesorado galego desde hai máis dunha década, situado agora mesmo como o colectivo docente con maior horario lectivo de todo o estado, as ratios avultadas que non se reducen malia o momento oportuno que permite unha leve caída na matrícula pola diminución de poboación escolar ou a necesidade de reducir dun xeito determinante a burocracia que condiciona o traballo diario do persoal docente son, no comezo deste curso escolar, as cuestións centrais que lastran un inicio de curso tanto desde a perspectiva laboral do profesorado como da propia educación pública no país.

Así se puxo en evidencia nunha rolda de prensa na que responsábeis da CIG-Ensino presentaron unha valoración inicial deste arranque de curso e formularon unha esixencia clara e irrevogábel á Consellaría de Educación: ou hai unha proposta negociadora enriba da mesa antes de rematar o mes de setembro para recuperar o horario do profesorado previo aos recortes e para acometer a redución das ratios e a rebaixa das tarefas burocráticas ou o profesorado terá claro que ante o reiterado desprezo ao profesorado dos responsábeis políticos da Consellaría só caben mobilizacións contundentes, incluída unha folga que a CIG-Ensino está disposta a convocar, para a que se buscará o maior grao de unidade sindical e de resposta social do profesorado posíbeis, pero tamén a implicación de familias e alumnado por seren realmente as principais vítimas da privatización e dos recortes perpetrados pola Xunta no ensino público galego.

O inmobilismo e o desprezo político consolidan o deterioro das condicións laborais 

O galego é nestes intres o colectivo docente con maior carga lectiva de todo o Estado e non existe ningunha medida para potenciar o ensino público nin para reforzar o seu profesorado. Na valoración das cuestións centrais que fai a CIG-Ensino deste arranque de curso están: 

  • Recuperación do horario lectivo de 18 e 21 horas. A Consellaría mantén os recortes máis lesivos ao profesorado galego, situándoo como o que ten máis horas de docencia en todo o estado, con 25 horas en infantil e primaria e 20 nos demais niveis educativos. O dereito a contar cuns horarios dos que xa dispuxo o profesorado galego antes dos recortes de Feijóo e Rajoy (21 sesións en infantil e primaria e 18 en secundaria e resto de ensinanzas) leva sendo desde hai anos un dos principais puntos conflitivos coa Consellaría de Educación. A súa recuperación redundaría na mellora das condicións de traballo, no reforzo da coordinación pedagóxica e na propia atención educativa ao alumnado. A CIG-Ensino considera que non asegurar con carácter inmediato a negociación para volver a eses horarios só deixa a alternativa de que o profesorado responda coa mobilización e neste sentido o sindicato promoverá todas as accións precisas, coa convocatoria de folga xeral no ensino público se a vía da negociación se dá definitivamente por pechada. 
  • Redución das ratios. Neste aspecto, a CIG-Ensino denuncia a política regresiva do PP galego ao se negar a aproveitar o descenso de matrícula para, dunha vez por todas, reducir legalmente as ratios máximas. O sindicato exixe que se adopten medidas que promovan a redución paulatina das ratios co obxectivo a medio prazo de:

- Chegar a 15 alumnos/as máximo por aula en Infantil, 20 en Primaria e 25 na ESO e Bacharelato e negociar unha ratio aceptábel nas outras ensinanzas en función da súa particularidade (non é o mesmo un Ciclo de FP básica que un curso dunha EOI ou dun instrumento nun conservatorio)

-Ter en conta o alumnado repetidor e con necesidades educativas específicas para reducir a ratio ordinaria.

- Limitar o número de alumnado ao que ten que atender cada docente, evitando situacións como as actuais nas que unha mesma persoa pode impartir clase a máis de douscentos alumnos/as diferentes.

- Autorización de desdobres en determinadas materias lingüísticas e do ámbito científico tecnolóxico.

  • Ampliación da oferta educativa na rede pública, evitando o peche de unidades e a supresión de profesorado. No curso co maior recorte de aulas e de supresión de profesorado dos últimos anos (até 60 unidades pechadas coa supresión de 89 mestras e mestres, sen contar outros corpos) a CIG-Ensino demanda medidas que impliquen un cambio de rumbo e que poñan o foco da política educativa da Xunta no ensino público

- Limitación do número total de alumnado que pode ser agrupado en aulas con diferentes niveis educativos.

- Limitar ao mínimo imprescindíbel o número de alumnado de unitarias para manter os centros abertos e sempre de acordo coa opinión das familias e coa previsión a medio prazo da evolución da poboación infantil na zona de influencia.

- Limitación dos concertos educativos, considerando a rede concertada como un elemento de carácter supletorio cando a rede pública nunha zona escolar non poida dar resposta á necesidade de matrícula, algo que nestes intres xa non é unha realidade en moitas vilas e cidades galegas.

- Control do cumprimento por parte dos centros do Opus Dei da escolarización non segregada que usaron como recurso para evitar a anulación dos seus concertos e que a CIG-Ensino pon en dúbida e sobre a que actuará se se comete unha fraude de lei.

  • Redución da burocracia para o persoal docente. Nos últimos cursos non só non se tomou ningunha medida para reducir esta carga, que non debería realizar o profesorado para poder centrarse na función docente, senón que se incrementou dun xeito preocupante. Fronte á única “ocorrencia” do conselleiro de Educación de crear unha “comisión de expertos” que analice a situación da burocracia, a CIG lémbralle que máis alá doutras melloras necesarias a resposta ten que ser a ampliación de postos de traballo de persoal non docente en todos os centros. 
  • Alerta contra a aposta polo ensino a distancia en detrimento do presencial. A decisión adoptada pola Consellaría de reducir a oferta presencial na FP, executada unilateralmente e en contra do criterio da comunidade educativa, a finais do curso pasado e que xa ten efectos neste, evidencia a intención da Xunta de camiñar cara a redución de docentes na FP e en xeral nas ensinanzas de persoas nunha manobra que esconde tamén a privatización destas etapas educativas. A CIG-Ensino demanda a recuperación da oferta pechada neste curso, a potenciación da FP presencial e a retirada do Anteproxecto de Lei de educación de persoas adultas que pretende poñer na picota a oferta e a rede de centros que imparten a ESA e o Bacharelato con carácter presencial en Galiza, na que traballaban 300 docentes.

Inestabilidade laboral e precariedade: a CIG-Ensino urxe cambios e unha oferta ampla de oposicións 

As cifras e datos que xa se coñecen nesta altura, tras a adxudicación dos destinos provisionais para o curso escolar, poñen en evidencia que a acumulación das xubilacións de dous cursos escolares sitúan a porcentaxe do persoal interino por riba do 8% cando o obxectivo declarado pola propia Consellaría é que esta porcentaxe non supere o 5%. Tendo en conta as máis de 200 interinidades que se adxudicarán telefonicamente nesta semana, hai un total de 2740 docentes interinos, o que eleva a máis dun 8,5% a cota de interinidade. 

A maiores, as cifras de profesorado que imparte materias que non son as propias da súa especialidade segue en máximos, chegando a case un terzo do profesorado sen destino definitivo o que imparte afíns e mantendo igualmente elevada a cifra de mestres e mestras que teñen itinerancia e imparten docencias en dous ou máis centros. Neste caso chama a atención que até un 50% das persoas que son orientadoras en centros de infantil e primaria con destino provisional son itinerantes. 

Neste comezo de curso tamén destaca a CIG-Ensino o elevado número de medias xornadas: hai un total de 123 interinidades de curso completo a media xornada o que implica un importante incremento sobre cursos anteriores. O sindicato considera que a precariedade laboral que implica traballar a media xornada debe limitarse ao mínimo imprescindíbel (cobertura de reducións de xornada) e non para a oferta ordinaria de necesidades de profesorado por parte dos centros. 

Por outro lado, a Consellaría mantén a súa política de aumentar as contratacións con data de remate até 30 de xuño para cubrir postos vacantes cuxos docentes non se van incorporar en todo o curso. Así o fai con 134 prazas para substituír profesorado que exercerá funcións de equipo ADIX,  RAOGAL ou coordinacións de FP dual. A CIG-Ensino defende que todo o profesorado que ocupe a praza dunha persoa titular que non se incorpore no verán ao seu posto de traballo debe ter contrato até finais de agosto, xa que do contrario estase producindo unha discriminación tanto ao respecto do funcionariado de carreira como do resto do profesorado interino. 

Así pois, e á vista desta análise, a CIG-Ensino demanda:

CIG
  • A negociación dunha ampla oferta de emprego docente que teña en conta as xubilacións de 2022 e 2023 e a negociación de cambios no acordo de persoal interino para ter en conta o persoal de longa antigüidade á hora de fixar as prazas a ofertar en cada especialidade.
  • A regulación das materias afíns por ámbitos académicos, reducindo a unha materia afín e unicamente dentro dese ámbito a negociar.
  • A redución das itinerancias ao mínimo imprescindíbel e o reforzo dos e das profesionais especialistas na atención á diversidade (AL, PT, Orientación) en todos os centros, evitando que teñan que atender varios centros.
  • A extensión de todos os contratos docentes até a efectiva incorporación do titular e a anulación do límite do 30 de xuño se a persoa non se incorpora nos meses de xullo e agosto.
  • O pago de todo o verán a aquel profesorado substituto que traballe cinco meses e medio, para rematar coa vergoña de que un dereito sexa negado ano tras ano pola Consellaría coa pasividade doutros sindicatos que o avalan asinando acordos que non se cumpren. 

CIG Informa análise e concentración polo inicio de curso

Documento


Volver