A CIG-Ensino exixe que non se suprima profesorado e unidades no CPI de Arca O Pino
Trátase dunha decisión máis da Consellaría de Educación no camiño emprendido no desmantelamento do ensino no ámbito do rural co recorte do profesorado imprescindíbel para un funcionamento adecuado dos centros educativos e da calidade do ensino
A CIG-Ensino ante a proposta da Consellaría de Educación de suprimir catro unidades, tres de Secundaria e unha Primaria, no CPI de Camiño de Santiago de Arca O Pino, quere manifestar o seguinte:
Trátase dunha decisión máis da Consellaría de Educación no camiño emprendido no desmantelamento do ensino no ámbito do rural co recorte do profesorado imprescindíbel para un funcionamento adecuado dos centros educativos e da calidade do ensino.
A proposta da Consellaría supón superar as rateos establecidas legalmente en unidades de primaria e a masificación do resto dos grupos, sen ter en conta o alumnado con necesidades educativas específicas, inviabilizando calquera tipo de atención educativa personalizada, imprescindíbel para conseguir os obxectivos estabelecidos
No que respecta a Secundaria a Consellaría pretende suprimir o 19% do profesorado, o que suporá tamén unha masificación das aulas e eliminar calquera tipo de de reforzo educativo e de medidas á diversidade.
Estamos ante recortes totalmente inxustificados que supoñen unha discriminación e unha aberración pedagóxica, tendo en conta o reforzo educativo, as medidas específicas e o apoio educativo que se están realizando neste momento a un número importante de alumnado do centro que con estes recortes,quedarían eliminadas.
Ademais esta medida imposibilita realizar calquera tipo de desdobre e levar a cabo diferentes programas e accións educativas, o que implica eliminar o principio de igualdade de oportunidades, xa que estes centros do ámbito rural teñen que asumir a función de desfacer a discriminación que desde distintas perspectivas sufre a educación no mundo rural. Mesmamente, a proposta da Consellaría levaría a unhas rateos tan altas que as aulas, por falta de espazo, non garanten as mínimas condicións de comodidade a todo o alumnado.
En consecuencia, a CIG-Ensino exixeulle á Consellaría o mantemento do actual cadro de profesores do centro, imprescindíbel para que se poida continuar cun labor educativo, que a propia inspección educativa recoñece como necesario, para que o alumnado do Pino teña a calidade de ensino á que ten dereito e lle corresponde e o profesorado continúe nos seus postos de traballo, aos cales accedeu mediante concurso de traslados.