A CIG-Ensino exixe dotación suficiente de profesorado para a Universidade de Santiago de Compostela

Hai alumnado que non recibe aulas e profesorado que ten incrementada a súa carga lectiva e precarizadas as súas condicións laborais e profesionais

Como consecuencia dos continuos recortes e dun insuficiente financiamento por parte da Xunta que, ano tras ano vén reducindo as partidas destinadas á universidade, e dunha inadecuada política de persoal que non ten en conta a necesidades docentes básicas, hai alumnado que non recibe aulas e profesorado que ten incrementada a súa carga lectiva e precarizadas as súas condicións laborais e profesionais.


Ante o conflito pola ausencia de profesorado nas facultades de Ciencias da Educación e Filosofía,  a CIG-ensino, ao tempo que exixe a inmediato nomeamento de profesorado, quere manifestar a solidariedade co estudantado e co profesorado das ditas facultades polas precarias condicións nas que se desenvolve o labor docente. Reclamamos a dotación  suficiente de profesorado para cubrir as necesidades docentes, para que se faga de xeito que non se perdan clases e para que non se obrigue a alterar a  programación docente ou a suprimir a súa oferta. 



Así mesmo, a CIG-Ensino quere denunciar que non se poden cubrir necesidades docentes  estábeis con prazas precarias e temporais que non son máis que parches e que empeoran a calidade docente e impiden asentar a actividade  investigadora. O control burocrático da creación de prazas que realiza a Xunta de Galiza non fai máis que entorpecer, ao someter a cobertura das necesidades docentes a unha autorización que retrasa meses a dita cobertura. O problema acentúase, tamén, no caso dos asociados debido á lentísima tramitación e á problemática das compatiblidades.



Por todo iso, facemos un chamamento ao equipo reitoral a fin de que adopte unha solución inmediata para satisfacer as demandas das facultades de Filosofía e de Ciencias da Educación e as medidas de planificación e contratación de profesorado estábel que evite que esta situación se reitere en vindeiros cursos e tamén á Xunta de Galiza para que proporcione recursos suficientes e elimine as trabas burocráticas á  contratación de profesorado.

Volver