A CIG-Ensino exixe a paralización da publicación das Instrucións para o curso escolar 2022/23 e o cese dos responsábeis

O sindicato considera unha “chapuza” impropia dunha administración a decisión de forzar decisións dos claustros sen ter en conta o seu carácter integral e colexiado

O cambio da toma de posesión do profesorado provisional de secundaria e outros corpos, unificando todo a 1 de setembro, implica unha novidade que debería levar á Consellaría a reflexionar sobre como preparar o novo curso escolar, deixando o necesario período dos primeiros días de setembro, agora xa sen exames, para tarefas de coordinación didáctica e a organización e xestión das actividades lectivas do curso: por vez primeira todo o claustro docente, como acontece nos centros de Infantil e Primaria, estará nos centros cun tempo máis amplo antes de comezar as aulas.

Mais en vez e reforzar isto, os burócratas de San Caetano inzan de formularios e máis carga administrativa o profesorado, en detrimento da nosa función docente:

  • Primeiro, a través do calendario escolar, ampliando a 176 días lectivos e negando a posibilidade de adiar o comezo da actividade lectiva ao venres 9 ou luns 12, como demandabamos desde o sindicato e como coincide non só o profesorado en xeral senón tamén as direccións que xa amosan a súa preocupación pola xestión do comezo de curso. Lamentamos que o conselleiro non dese marcha atrás a decisión adoptada e demandamos que reconsidere a súa decisión, oíndo a demanda dos centros de secundaria.
  • Segundo, coa implantación acelerada dunha aplicación informática (PROENS) que será obrigatoria en primaria e secundaria para cumprimentar e alterar as programacións didácticas, comezando no curso que entra cos cursos impares. Neste curso non está previsto que se empregue en Infantil aínda que existe previsión de que máis adiante tamén haxa que usala nesta etapa. Mostrando un elevado nivel de improvisación, colgando un manual obsoleto e anunciando un curso de formación para o mes de xullo, parece que o único importante son os procedementos burocráticos e non a docencia: facer clic fronte a múltiples pantallas dunha aplicación fronte a preparar o curso da man dos e das compañeiras.
  • Terceiro, lexislando de costas á representación sindical e o profesorado, cunha serie de decisións que se incorporan nas Instrucións previstas para publicar no DOG no que, para secundaria, se impoñen obrigas que para a CIG-Ensino non teñen respaldo legal e que só van traer problemas, como así denunciamos na Mesa Sectorial do mércores 1.

Neste sentido, e no que respecta as Instrucións, a CIG-Ensino considera de enorme gravidade que se impoña a celebración dun claustro en xullo nos IES para decidir o reparto de grupos e horarios e que só sexa convocado profesorado que vaia ter destino definitivo para o curso que vén.

Quen redactou esas liñas debe descoñecer o carácter integral dun órgano colexiado, que non pode ser convocado “por partes”: se se convoca un claustro convócase a todos os seus integrantes, nin se pode deixar de convocar nin se pode impedir a participación de quen non se sabe se vai ter destino para o curso seguinte ou de quen xa se sabe que vai marchar, porque todo o claustro ten dereito a participar.

Por outro lado, desprézase a profesorado que vai ter destino definitivo con data 1 de setembro e que no mes de xullo aínda está noutro centro e que, por tal motivo, non pode ser convocado nin tido en consideración.

A intención da Consellaría é clara: que as decisións que se adopten nese claustro e reunións de departamento do mes de xullo condicionen as que “formalmente” se teñan que tomar en de setembro, xa que a orde que desenvolve o ROC non mudou e a elección de horarios e grupos só pode facerse en setembro, o cal é lóxico porque só nesa altura está presente todo o profesorado que vai estar traballando durante o curso.

A CIG-Ensino exixe unha rectificación inmediata e a retirada dos apartados desas Instrucións que lexislen en contra da normativa en vigor, mantendo para os primeiros días de setembro as decisións colexiadas de organización do curso escolar. Dada a gravidade da actuación e as continuas decisións tomadas de costas ao profesorado, a CIG-Ensino demanda do conselleiro de Educación o cese da persoa ou persoas responsábeis.

De non facer o cambio que exixe a CIG-Ensino, a Consellaría amosaría unha enorme irresponsabilidade cos centros e as direccións en particular. Así, ao cambio que implican uns tempos cada vez axustados, comezando pola obriga de ter as peticións de profesorado provisional xa no mes de xullo, engadirían un conflito innecesario entre o profesorado do centro. As decisións que se poidan  adoptar por un claustro, departamento ou equipa directiva para poder determinar, coas limitacións de profesorado que impón a política de recortes do PP,  que profesorado imos ter nos centros e cantas grupos teremos, non poden condicionar o reparto que legalmente se debe facer no mes de setembro, xa que só nesa altura está presente todo o profesorado que vai estar traballando durante o curso.

 

Ligazón ás instrucións que exiximos paralizar.

Volver