
A CIG-Ensino estudará a presentación dun recurso ante os tribunais contra a orde de acreditación en lingua estranxeira
Outro ataque á lingua
A CIG-Ensino xa anunciou na mesa que recorrerá a orde, entre outros motivos porque se establece nela que o profesorado que se acredite “terá preferencia nas comisións de servizos que, se é o caso, se realicen para cubrir as necesidades de profesorado en centros que vaian implementar a aprendizaxe de idiomas” abrindo así a porta á colocación a dedo do profesorado, sen seguir os canles regulamentarios establecidos para a mobilidade do profesorado.
Na mesma mesa tratouse tamén a orde para a realización de estadías formativas no estranxeiro que, no caso do profesorado non especialista en lingua estranxeira, a Consellaría pretende adxudicar soamente ao profesorado que imparta en sección bilingües e centros plurilingües, obrigando aos que non reúnan estes requisitos a asinar un documento “comprometéndose a promover a creación ou mantemento de seccións bilingües ou do programa de centros plurilingües no seu centro de destino e a impartir docencia na lingua estranxeira da súa especialidade”. É dicir, a Consellaría pon toda a formación en linguas estranxeiras ao servizo da súa consigna de reducir a presenza do noso idioma nos centros, facendo prevalecer os seus intereses políticos sobre as necesidades de formación do profesorado e sen reforzar a formación do profesorado especialista que revertiría directamente na mellora do aprendizaxe do alumnado.
A proposta da Consellaría evidencia a súa tendenciosidade, pretende vender formación en inglés (o 86% das actividades son para formar en lingua inglesa) mais os requisitos que establece son inferiores ao que o Marco Común Europeo recolle para garantir a fluidez no manexo da lingua, nivel C1. Por outro lado, non parece que a impartición en lingua estranxeira sexa o mecanismo máis axeitado para rebaixar o fracaso escolar e as taxas de abandono que como se acaba de ver son elevadas. Chama a atención que este ano se reduzan a cinco as prazas para formación en portugués, o que significa que a Consellaría non aposta pola aprendizaxe desta lingua tan próxima á nosa.
OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO
A CIG-Ensino, que xa demandara a negociación a oferta de emprego público na Mesa Sectorial de decembro, hoxe reclamou a súa inmediata negociación e pediu a convocatoria da Mesa para tratala. O Director Xeral de Persoal respondeu que estaban estudando a oferta a realizar e que proximamente convocarían a Mesa.