
A CIG-ENSINO esixiu na mesa sectorial que as probas de acceso á función docente se realicen en lingua galega
A convocatoria da oferta de emprego publicarase o vindeiro día 11 de abril
CIG Informa con toda a información da Mesa: Ligazón
A CIG-Ensino valora como negativo e inaceptábel que a Consellaría se negue a recoller na convocatoria que a proba, ou unha parte dela, nomeadamente a programación, deberá realizarse na nosa lingua. Para a CIG-Ensino a realización da proba en galego é a maneira de probar a competencia no noso idioma, moi especialmente porque somos empregados públicos que temos que aplicar a Lei de Normalización Lingüística, na que se recolle que a lingua da Administración educativa é o galego ou que o alumnado terá que adquirir durante os seus anos escolares competencia no noso idioma.
A convocatoria recolle que o profesorado está obrigado a presentarse se se convoca algunha das especialidades que ten, aínda que non a imparta. Ante isto, a CIG-Ensino propuxo que no caso de non presentarse decaia soamente da listaxe da especialidade á que non se presentou e non de todas as listaxes como se pode interpretar no texto da convocatoria. A Consellaría manifestou a súa disposición a aceptar a proposta da CIG-Ensino.
A CIG tamén manifestou que é fundamental, necesario e urxente negociar un acordo de estabilidade, especialmente agora que remata o período transitorio e, aínda que moito profesorado interino accedeu á función pública, tamén é certo que hai interinos e interinas que levan moitos anos traballando e empeoraron a súa situación, mesmo quedando sen traballo.
A CIG-Ensino tamén reclamou que a Consellaría dea instrucións claras e precisas aos tribunais para que non se produzan diferenzas nas súas actuacións, que aclaren na propia presentación, mesmo por escrito, cales van ser os criterios de avaliación e que acepten e respondan as reclamacións cando se lles presenten.
A Consellaría aceptou a proposta da CIG-Ensino de arbitrar un sistema para evitar que as persoas desprazadas a outro tribunal sexa sempre o profesorado con apelidos que se inician coas últimas letras do alfabeto.
No punto de Varios a CIG-Ensino denunciou que observa con preocupación a grande cantidade de prazas que non saen a concurso, e todas as que son de 1º ciclo ESO cubertas por mestres. A CIG-Ensino manifestou o seu temor a que isto sexa a antesala de futuros recortes no ensino público, mentres se produce o incremento de concertos coa privada. No caso das vacantes de 1º ciclo da ESO en que viña impartindo profesorado do corpo de mestres, a Consellaría respondeu que aceptaría manter para os mestres e mestras todas aquelas vacantes para as que se comprobe que existe demanda.