A CIG-Ensino esixirá a retirada do borrador da nova orde de permisos e licenzas do profesorado que pretende aprobar a Consellaría

A CIG-Ensino denuncia a actuación maquiavélica e de desprezo ao profesorado

A Consellaría de Educación vén de enviarnos a convocatoria da Mesa Sectorial para o martes 12 de xaneiro, ás 10 da mañá, cunha extensa orde do día que abarca a negociación de seis ordes e decretos e oito puntos. Estamos ante unha actuación maquiavélica da Consellaría que é a mostra máis evidente do desprezo e desconsideración co profesorado e cos órganos de negociación, pois, despois de 6 meses sen convocar Mesa Sectorial, a última reunión foi o 23 de xuño de 2015, agora pretende concentrar nunha única sesión unha orde do día inabarcábel co único obxectivo de cumprir co requisito legal de pasar pola Mesa, mais sen ningunha intención real de negociación.

Estamos ante unha actuación sumamente grave acentuada polo feitro de que impide informar o profesorado e coñecer a súa opinión sobre os temas a tratar xa que algúns foron remitidos nas vacacións, uns hoxe mesmo e outros aínda non se recibiron.

 

Por outra banda, non deixa de ser insólita a configuración da  orde do día, xa que a aprobación da acta aparece como punto terceiro en lugar de primeiro como é perceptivo. A razón hai que buscala en que a Consellaría actúa como órgano de propaganda do PP e por iso aparece no primeiro punto a oferta de emprego, unha oferta que non nos é facilitada, que non negociaron e da que se nos informará ao mesmo tempo que aos medios de comunicación.

 

A CIG-Ensino esixirá na Mesa Sectorial a retirada do proxecto de orde que pretende regular os permisos, licenzas e vacacións do profesorado. Trátase dunha medida que ten como única finalidade seguir recortando e suprimindo dereitos laborais e profesionais do profesorado. Tamén pedirá que se convoque a Mesa noutra data para tratar os decretos de varios currículos (punto 6) e o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de música (punto 7).

 

O asañamento do PP co profesorado é tal que parece que non ten límite, pois non existe ningunha xustificación  para pretender derrogar a actual orde que regula os permisos e licenzas do persoal docente de abril de 2008, que fora negociada previamente na Mesa sectorial docente coas organizacións sindicais.

 

O obxectivo da Consellaría, con esta proposta unilateral, non é outro que suprimir o permiso por ausencias por indisposición ou enfermidades leves superiores a tres días cando se achegue a pertinente xustificación documental, recollido na actual orde.

 

Co recorte deste permiso condénase o profesorado a solicitar a baixa laboral coa conseguinte e importante diminución de salario por enfermar, aínda que se trate dunha indisposición ou enfermidade de menos de catro días.

 

Mais a Consellaría non se contenta só coa supresión deste dereito senón que aproveita para derrogar a orde que regula as permutas provisionais entre o profesorado e regula as vacacións, sen ter en conta a especificidade  do traballo docente e o calendario escolar. No entanto non se recolle ningunha mellora nin restitución dos dereitos que nos foron arrebatados nos últimos catro anos (redución sen salario, redución de pagas extra, ampliación do horario lectivo, vixilancia do transporte escolar, redución salarial por baixa laboral, supresión do cobro do verán ao profesorado substituto con 5 meses e medio de servizos, etc… Así mesmo continúan sen regular as enfermidades profesionais, a adaptación do posto de traballo por saúde laboral ou risco no embarazo, aplicación do decreto de redución do horario lectivo aos maiores de 55 anos, que está recollido na LOE desde o ano 2006 e que o PP non desenvolveu o dereito a asistencia a actividades de formación dentro da xornada de traballo, etc., redución da xornada lectiva do profesorado, etc.

 

É mais que preocupante que o actual conselleiro continúe pola senda do autoritarismo e imposición con novas medidas que amosan un total desprezo ao profesorado e aos seus representantes. A CIG-Ensino, se a Consellaría non retira o proxecto de orde de permisos e licenzas, levará a cabo mobilizacións contra un novo atropelo ao profesorado. 

MÁIS NOVAS

Convocada Mesa Sectorial para tratar o CXT, a oferta de emprego público e a nova orde de permisos e licenzas

Concurso de traslados e Orde de permisos e licenzas


Volver