A CIG-Ensino esíxelle ao presidente da Xunta que deixe a confrontación e se sente a dialogar para normalizar o galego no ensino

Representantes sindicais xunto co resto de promotores das "Bases para a normalización do ensino en Galiza" referíronse aos datos do IGE de que 1 de cada 4 menores de 15 anos non sabe falar galego, consecuencia directa do Decreto de plurilingüismo

Nunha comparencia conxunta diante de San Caetano reivindicaron que a Xunta "elimine as limitacións ao ensino en galego" como demandan o Consello de Europa, a ONU, a sociedade galega e a comunidade educativa, que estivo representada pola CIG-Ensino e outros dous sindicatos, dúas organizacións de renovación pedagóxica, ANPAs Galegas e A Mesa pola Normalización Lingüística. 

Na comparencia lembraron que levan pedindo reunións específicas co actual conselleiro e co presidente da Xunta para presentarlle as bases desta proposta pero que non obtiveron até o de agora ningunha resposta. Mais ao contrario, as últimas declaracións de ambos non deixan de ser ataques á nosa lingua que aproveitan para a confrontación política, cando a súa responsabilidade ten que ser protexer e velar polo uso do noso idioma. Cómpre destacar que, sobre o Decreto de plurilingüismo que nos levou á peor situación sociolingüística do noso idioma nas últimas décadas e á súa práctica desaparición de varias etapas educativas, mesmo declararon que "non é o mellor mais si o máis consensuado". Unha manipulación absoluta da realidade, dada a enorme contestación social que tivo na rúa a súa aprobación e aplicación na última década. 

Representantes das organizacións promotoras lembraron algúns dos aspectos máis lesivos desta norma, como a prohibición de impartir en galego as materias científicas, a súa práctica ausencia en etapas como infantil, educación especial e FP, a falta de materiais curriculares e dixitais e a situación de total inferioridade no reparto das materias impartidas na nosa lingua no ensino medio con respecto ás que se imparten en linguas castelá e inglesa.

Así mesmo, referíronse á situación actual derivada da pandemia que puxo en evidencia como nin existían nin se fomentaron os recursos didácticos para o ensino telemático en galego e moito menos que este sexa o idioma das ferramentas tecnolóxicas e informáticas necesarias para a súa elaboración. Moitos dos menús das aplicacións, programas e plataformas empregadas no ensino virtual só teñen as opcións castelán e inglés dispoñíbeis. Ademais, non se puxo a disposición da sociedade e das familias galegas un servizo público como é a TVG e a RG para a emisión de contidos educativos en galego que puideran paliar a situación de confinamento que nos tocou vivir.

Datos fronte a manipulación 

Calquera membro da comunidade educativa pode comprobar perfectamente como o ensino se converteu nun dos espazos máis desgaleguizadores da nosa sociedade. As últimas estatísticas oficiais resaltan que un 24% dos rapaces e rapazas de menos de 15 anos non saben expresarse en galego, o que demostra que non só se desincentivou o seu uso senón tamén a súa competencia. Este dato, da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2019, viuse incrementado con respecto ao último ano de estudo, 2008, nun 7,6% e é aínda máis alarmante se nos referimos á competencia escrita cando un 30% da rapazada da franxa de idade entre 5 e 15 anos recoñece non saber escribilo. Non hai lugar a dúbidas de que esta variación responde á aplicación do Decreto de Plurilingüismo do goberno Feijóo desde o ano 2010 e que malia todas as tintas que cargan conselleiro e presidente contra o proxecto de Lei LOMLOE, o goberno da Xunta ten intención de seguir aplicando en Galiza, desoíndo as directrices internacionais xa mencionadas.

"Nestes momentos a única lingua oficial cuxo coñecemento non se garante ao rematar cada unha das etapas educativas é a galega”, recordou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, "e iso é incumprir a propia normativa galega e todas as recomendacións das organizacións que velan polos dereitos humanos e lingüísticos das minorías en Europa e no mundo", sentenciou.

Os promotores deste proxecto de normalización remitíronlle este documento a todos os partidos políticos co fin de promover a súa aprobación no Parlamento e a súa aplicación en todo o ensino a nivel galego, tanto no público, como no privado e no concertado. Preténdese, entre outros fins, que as comunicacións que se xeneren tanto dentro dos centros como de cara á comunidade educativa ou entre administracións se realicen exclusivamente na nosa lingua, así como as actividades extraescolares e complementarias. Un elemento central para a súa posta en marcha eficaz será apostar por un plan de formación do profesorado, que garanta a súa competencia plena e a súa concienciación favorábel para o uso do noso idioma nas aulas. Neste sentido prevense actuacións específicas para o profesorado que se incorpore con praza definitiva ao sistema educativo, comezando pola galeguización das Facultades de Maxisterio e do Mestrado de Formación do Profesorado de Secundaria.

No documento recóllese que cómpre destinar recursos tanto económicos como materiais e humanos que permitan conseguir estes obxectivos e incrementar os recursos didácticos na nosa lingua e sinalan como puntal do éxito deste plan contar coa complicidade de toda a sociedade. Para iso procurarase, a través de campañas específicas dirixidas á comunidade educativa e á poboación galega en xeral, a colaboración na execución deste plan e ligarase a impartición da nosa lingua e de contidos na nosa lingua a metodoloxías pedagóxicas innovadoras.

Aplicación do modelo lingüístico nos distintos niveis educativos

O documento inclúe unha aplicación diferenciada do modelo lingüístico segundo as diferentes etapas educativas e os estudos previos sobre o contexto sociolingüístico do centro:

· MODELO A

O galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe de todo o sistema educativo no máximo que estabeleza o marco legal.

· MODELO B (Transitorio)

O galego será a lingua vehicular, como mínimo, do 50% das áreas ou materias do alumnado.

Arbitraranse as medidas, adaptacións e os apoios correspondentes para o alumnado que o necesite ou mostre algunha necesidade no desenvolvemento lingüístico ou de incorporación tardía ao sistema educativo.

EDUCACIÓN INFANTIL

Tendo en conta a situación sociolingüística da contorna dos centros e a lingua do alumnado e das súas familias, o centro acollerase ao modelo A) ou B)

MODELO B ( TRANSITORIO)

Centros e/ou unidades nos que o uso do galego como lingua da contorna do centro e da familia do alumnado sexa moi minoritario.

Progresivamente irase incrementando para que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabeleza o marco legal.

- Nestes centros poderán implantarse aulas co modelo A) para o alumnado que teña como lingua familiar o galego.

EDUCACIÓN PRIMARIA. (EP)

MODELO B ( TRANSITORIO)

Primeiro ciclo (1º e 2º curso)

Nos centros nos que o uso do galego como lingua do seu contorno e das familias do alumnado sexa moi minoritario, no período transitorio, no primeiro ciclo de EP, a vehiculización do ensino en galego será como mínimo dun 50 % no primeiro curso e un 75 % no segundo.

Segundo ciclo (3º e 4º curso)

Nos centros que se aplique o modelo B) no segundo ciclo de EP estabelecerase un período transitorio de dous cursos escolares para implementar a totalidade do modelo A). Nos dous cursos deste ciclo vehicularizarase en galego o 75% do ensino.

Terceiro ciclo (5º e 6º curso)

Aplicarase nos centros e/ou unidades de todo o ensino desta etapa. Con carácter xeral, o galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabeleza o marco legal

EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA, BACHARELATO E FP

O galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabelece o marco legal. Nas linguas estranxeiras a lingua de acompañamento (auxiliar) será o galego.

Volver