
A CIG-Ensino esíxelle ao conselleiro de Educación que acate a sentenza e retire as subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de sexo
O TSXG, que declarou legais estes concertos cando a CIG-Ensino os recorreu no ano 2009, tivo que rectificar ao ver superada a súa doutrina polas sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo no verán
A CIG-Ensino valora positivamente esta sentenza mais non pode deixar da ser crítica coa actuación do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por declarar legais estes concertos cando a CIG-Ensino os recorreu no ano 2009 e que a levaron a presentar un recurso de casación diante do Tribunal Supremo, en xuño de 2012, que está pendente de resolverse. Agora o TSXG ten que rectificar a súa actuación ao ver superada a súa doutrina polo Tribunal Supremo que, no pasado verán, a través de dúas sentenzas, referidas a centros de Cantabria e Andalucía, declarou ilegais estes concertos.
A actuación do TSXG é semellante á que mantivo en relación á reclamación de atrasos do cobro retroactivo de trienios por parte do profesorado interino. Neste caso, houbo que agardar o pronunciamento do Tribunal Europeo para que os docentes cobraran estas retribucións. Pese a isto, moitos destes docentes víronse prexudicados/as por teren sentenzas previas desfavorables do TSXG que lle negaban este dereito. A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que acate a sentenza, que non a recorra e que asuma que está actuando desde unha posición ideolóxica reaccionaria -de apoio a centros do Opus Dei- ilegal, inxusta e discriminatoria