A CIG-Ensino esíxelle a Rueda que negocie xa a recuperación do horario lectivo para “non quedar de comparsa” de Ayuso nos recortes de dereitos do profesorado
Delegados e delegadas do sindicato maioritario no ensino público galego concentráronse durante a celebración da Mesa Sectorial na que a Consellaría se negou a dar ningún paso antes de finalizar este curso, ante o que o sindicato convocará mobilizacións.
- O sindicato insistiu en que o que se esixe é volver ás 18 horas lectivas en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial que sempre se traballaron até os recortes de Rajoy en 2012 e ás 21 en Infantil, Primaria e Educación Especial que eliminou Feijóo en 2011 e que foran froito dun pacto co bipartito. Nestes intres a sobrecarga horaria e burocrática que padece o profesorado galego impídelle atender axeitadamente o alumnado, ter suficiente tempo para preparar as clases e para coordinarse co resto do profesorado e levar a cabo proxectos de innovación. Pola contra, as 20 e 25 horas lectivas actuais supoñen un incremento da impartición de materias afíns e das itinerancias entre centros, unha ratio de alumnado por docente que chega a ser de até 300 nalgúns casos, unha menor oferta de emprego e de vacantes para a mobilidade e a imposibilidade de realizar desdobres nas aulas máis masificadas.
- A CIG-Ensino anuncia mobilizacións se non se negocia esta recuperación antes do vindeiro curso e considera “un insulto” para o ensino público galego que a Xunta vaia subvencionar con até 6000 euros por docente os despidos que se produzan no concertado, se vaian investir 19 millóns de euros na dotación de Polos creativos en todos os centros, públicos e concertados, mentres se nega por exemplo a dotación de persoal para atender a diversidade ou se vaia implantar a nova figura de coordinación de benestar emocional e convivencia a custe cero.
Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da Escola Galega da Administración Pública, na que tivo lugar unha Mesa Sectorial docente ordinaria, na que non ía na Orde do día como demandaba o sindicato o inicio das negociacións para recuperar o horario lectivo previo aos recortes e que, nestes momentos, só manteñen Galiza e Madrid.
Nas declaracións aos medios de comunicación, o seu secretario nacional Suso Bermello, lembrou que o resto de CCAA xa foron recuperando eses dereitos e que o profesorado galego pasou de ter as mellores condicións laborais, en canto a horario, de todo o Estado, coa chegada ao poder de Feijóo a estar directamente na cola. Insistiu Bermello que o que se pide “non é traballar menos senón facelo en mellores condicións para dar resposta ás necesidades do alumnado que tamén foron variando e cambiando moito ao longo dos últimos 14 anos e para recoñecer as necesidades de mellora dun profesorado castigado polo PP desde hai anos”. “Hoxe en día atopámonos con profesorado que imparte en moitísimos niveis diferentes e a un número moi elevado de estudantes, chegando até os 300 nalgúns casos, con aulas masificadas sobre todo nas vilas e cidades galega e cunha sobrecarga de traballo burocrático que non existía hai unha década”.
O máximo responsábel do sindicato maioritario no ensino público galego anunciou mobilizacións, toda vez que a Consellaría se negou directamente a abrir ningún tipo de negociación no que resta de curso ou mesmo durante o mes de xullo, para que esta recuperación de dereitos se poida facer efectiva a partir do 1 de setembro, “o que fará que o profesorado galego teña que seguir agardando a recuperar o que xa tiña antes dos recortes, non se están pedindo melloras senón o que xa tiñamos”, insistiu.
A Xunta favorece o ensino concertado en detrimento do público
Para Bermello esta negativa é aínda máis “ferinte” cando hoxe mesmo se lle remitiu ás organizacións sindicais con representación no ensino concertado unha proposta de recolocación do persoal que poida ser despedido pola redución de unidades ou a caída da natalidade. No acordo entre a Xunta e a patronal figura que a primeira se fará cargo de abonar até 6.000 euros por cada docente que teña que ser despedido.
Neste sentido Bermello alertou de que seguramente ao longo do verán se anunciará o peche de unidades de infantil no ensino público e tamén de cara ao vindeiro curso se suprimirá ou desprazará mestres e mestras de primaria que terán que abandonar o seu centro e pasar a ter un destino provisional. A isto engádese a última estratexia da administración de crear unha estrutura paralela da Consellaría para a formación a distancia de adultos, na que se enmarca a comunicación que recibiron onte moitos centros de FP de que a oferta que viñan impartindo na modalidade modular presencial pase a ser a distancia, é dicir, exclusivamente online. “Isto como xa alertamos cando se coñeceu o anteproxecto de Lei para a ensinanza ao longo da vida adulta vai significar unha redución de postos de traballo docentes, dado que no ensino a distancia se precisa menos profesorado que no presencial, algo que tamén se pretende aplicar nas ensinanzas non regradas, na Educación Secundaria para Adultos, coñecida como ESA, e no Bacharelato de Adultos”.
A prioridade da administración: dixitalización fronte a persoal docente
Outra das críticas que formulou Bermello na súa comparecencia durante a concentración foi que a Consellaría segue apostando claramente pola dixitalización dedicando inxentes cantidades de diñeiro a diferentes partidas neste eido fronte ás necesidades que lle trasladan os centros de máis persoal. Puxo como exemplo o recente anuncio do presidente Rueda de que van investir 19 millóns de euros en que todos os centros educativos, tanto públicos como privados, conten cunha dotación do programa Polos Creativos, o que sae a unha contía aproximada de 13000 euros de material por centro. Este programa, que xa se iniciou o ano pasado, colleitou moitas críticas por parte do profesorado porque non se lle dera a formación necesaria coa antelación suficiente para o uso deses equipamentos e porque lle supuña un gasto a maiores no seu mantemento.
Pola contra, na Mesa Sectorial de hoxe levábase a Orde de creación dunha nova figura obrigatoria nos centros, a coordinación de benestar emocional e convivencia, con grandes responsabilidades porque é a que ten que afrontar cuestións tan complexas como a xestión de protocolos antisuicidio ou dos riscos psicosociais do alumnado, o trato coas familias ante problemas de convivencia ou condutuais, entre outras. “Pois ben, a administración pretende que o persoal docente que asuma estas tarefas o faga sen redución horaria nin un complemento económico, como si se lle recoñece a outras coordinacións, é dicir, que o faga por puro voluntarismo, responsabilidade e compromiso para atender o que a Consellaría desatende”, sentenciou.