A CIG-Ensino esíxelle a Román Rodríguez que deixe os triunfalismos e que poña todas as medidas para garantir a seguridade nas aulas na terceira onda da pandemia

A Consellaría de Educación continúa sen transparencia nos datos de positivos e de contaxios nos centros de ensino, segue sen facilitalos acumulados e desagregados por colectivos, por niveis e por tipo de ensinanzas

O curso retómase nunha situación moito máis complexa que en setembro, inmersas na terceira onda da pandemia, con baixas temperaturas que dificultan as tarefas de ventilación, sen incremento de rastrexadores nin garantías de maior axilidade na realización de PCR´s a posibles positivos nin de cumprimento completo de corentenas e de illamentos preventivos.

A CIG-Ensino faise eco da preocupación e malestar da comunidade educativa galega na volta ás aulas tras as vacacións do Nadal. A Consellaría volve acusar falta de planificación e non ten ningunha medida adicional prevista para cumprir cos requisitos de ventilación nos  centros educativos en plena afectación da borrasca Filomena e con temperaturas que roldan os 0 graos e neve e xeo en boa parte do país. Familias e profesorado amosan a súa preocupación por como xestionar esta situación e compatibilizar a seguridade cunha situación de mínimo confort térmico dentro das aulas. Segundo puido saber a CIG-Ensino, as direccións non recibiron aínda ningunha circular sobre o uso da anunciada aplicación da USC para dar pautas aos centros neste sentido que de momento non está activa, tal e como prometera o conselleiro.

Discurso triunfalista fronte á ausencia de datos

O sindicato maioritario aproveita para denunciar que non se fixera balance no primeiro trimestre da verdadeira afectación que tivo a COVID no ensino galego, ao contrario do que si fixeron noutras CCAA e lembrou que Galiza é das poucas que non publica os datos desagregados por alumnado e profesorado. Falta por saber tamén cantos foron en realidade os casos totais  acumulados e a afectación diferenciada por etapas educativas, por tipoloxía de ensinanzas e por titularidade do ensino entre público, privado e concertado.

A falta de transparencia que caracterizou a actuación do departamento que dirixe Román Rodríguez desde o comezo do pasado curso escolar é a que “impide comprarlle o discurso triunfalista de que os centros educativos son lugares seguros”. Cabe pensar que no caso dos centros pechados e na maior parte dos casos das aulas pechadas, que seguimos sen coñecer o dato exacto, si houbo transmisión comunitaria do virus polo que o principal argumento de Román Rodríguez xa queda totalmente en evidencia. Tampouco hai datos facilitados por Sanidade cando menos do número de profesorado e alumnado que necesitara hospitalización  por mor da COVID no primeiro trimestre do ano.

A CIG-Ensino bota en falta tamén unha maior transparencia no caso do reparto dos fondos COVID, dos que se segue descoñecendo as principais partidas e os seus fins.

A Consellaría ausente unha vez máis ante a terceira onda

“É lamentábel a falta de planificación unha vez máis por parte dos responsábeis de Educación da Xunta ante o escenario que todo o mundo agardaba en xaneiro. Non  hai datos que fagan ser optimistas ao respecto de que se aumentara o número de persoas encargadas de rastrexar os contactos e de que se vaia intensificar este labor nos centros educativos, que se garanta o cumprimento íntegro dos 14 días de corentena que seguen recomendando as autoridades sanitarias no caso de profesorado en contacto con persoas positivas ou pendente de PCR, que se vaia axilizar a substitución do profesorado  ausente por illamentos preventivos ou pendente de ter confirmación de diagnóstico de contaxio...”, relata Suso Bermello quen lamenta que “unha vez máis a Xunta fíe todo ao esforzo e a implicación exemplar de profesorado, alumnado e familias que están tomando por iniciativa propia os máximos principios de precaución e protección para evitar os contaxios nas aulas”. “Está claro que esta enfermidade afecta de forma moito máis leve ás crianzas e de aí que esteamos falando de consecuencias menos graves que de tratarse de persoas de avanzada idade pero houbo moitos positivos e queremos coñecer os datos para avaliar a incidencia da pandemia no ensino en Galiza. Así mesmo, a comunidade educativa”, sentenciou, “ ten a sensación de que se puido ter feito moito máis por minimizar as posibilidades de contaxio e que a Consellaría mesmo naquelas cuestións que son de mera vontade política segue sen aplicar os mínimos principios de prevención”.

 

Volver