A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que amplíe o prazo para solicitar a revisión médica anual e que inclúa ao profesorado substituto

Educación limitou a dez días o prazo para solicitar a revisión médica e deixa fóra ao profesorado substituto que está traballando e ao que está desempeñado o seu traballo fóra

A CIG-Ensino denuncia os impedimentos que a Consellaría de Educación está a pór ao profesorado para facer as revisión médicas anuais. Despois de producirse un inxustificábel retraso no comezo da campaña de vixilancia periódica da saúde deste ano, a Consellaría abriu o pasado 1 de decembro un prazo de unicamente dez días para que o persoal docente poida solicitar cita. Desde a CIG-Ensino reiteramos a nosa denuncia ante a Administración tanto polo agachado da convocatoria como polo exiguo do prazo que se faculta para tramitar a solicitude. Ademais a Consellaría denégalle este dereito ao profesorado substituto que está en activo e ao que non está desempeñando o seu traballo nun centro educativo (servizos centrais, CAFI…) ao impedirlles o acceso ao portal no que se solicitan as revisións. Por esta razón a CIG-Ensino dirixiuse por escrito á Consellaría para que amplíe o prazo e garanta este dereito a todos o profesorado en activo no curso 2015-2016.

Para a CIG-Ensino, tamén  é inaceptábel que se continúe privatizando o servizo e que non se convoque Mesa Sectorial para negociar as condicións dos recoñecementos e corrixir as eivas que denunciamos no seu momento. Por tanto, seguimos a exixir tamén os seguinte:


  • Realizar todos os recoñecementos médicos na sanidade pública, como mellor defensa do que deberían ser os servizos públicos, universais, solventes e gratuítos. 
  • Descentralizalos para que poida acudir todo o profesorado, independentemente da súa residencia ou centro de traballo, evitando facer desprazamentos longos.
  • De seren necesarios os desprazamentos, deben ser sufragados pola administración educativa, xa que é a responsábel de facilitar as revisións médicas aos seus traballadores e traballadoras.
  • Os recoñecementos deben ser máis completos, e prestar especial atención  á  perspectiva de xénero e ás doenzas propias dos docentes, no camiño do seu recoñecemento como enfermidades profesionais.
  • Mellorar a aplicación informática empregada o ano anterior.
  • Evitar demoras na asignación das citas e na entrega dos resultados.
  • Ter especial coidado coa protección de datos, xa que nalgúns casos non se respectou a  privacidade. 
  • Galeguización de todo o proceso: impresos e informes en galego. Nin sequera se garantiu o dereito a recibir a información en galego.

Volver