A CIG-ENSINO esíxelle á Consellaría de Educación que retire o proxecto de Decreto do plurilingüismo despois do informe demoledor do Consello Consultivo

Outro revés ao decreto contra o galego

A CIG-Ensino esixiu a Consellaría de Educación, en rolda de prensa, que retire o borrador de Decreto de Plurilingüismo, despois de que do ditame do Consello Consultivo o declara ilegal ao afirmar “ que resulta contrario ao ordenamento xuridico” e que contravén a legalidade vixente, nomeadamente a Lei de Normalización Lingüística, o Estatuto de Autonomía, a Carta Europea das Linguas Minorizadas e a propia LOE. Este ditame ven a sumarse ao rexeitamento de diferentes institucións, organizacións e entidades que están reclamando que se retire este proxecto.

 Recorrerá a todos os mecanismos ao seu alcance incluída a vía legal por ser totalmente contrario ao marco xurídico

 A CIG-ENSINO esíxelle á Consellaría de Educación que retire o proxecto de Decreto do plurilingüismo despois do informe demoledor do Consello Consultivo


 A CIG-Ensino esixiu a Consellaría de Educación, en rolda de prensa, que retire o borrador de Decreto de Plurilingüismo, despois de que do ditame do Consello Consultivo o declara ilegal ao afirmar “ que resulta contrario ao ordenamento xuridico” e que contravén a legalidade vixente, nomeadamente a Lei de Normalización Lingüística, o Estatuto de Autonomía, a Carta Europea das Linguas Minorizadas e a propia LOE. Este ditame ven a sumarse ao rexeitamento de diferentes institucións, organizacións e entidades que están reclamando que se retire este proxecto.

 O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, que estivo acompañado por Duarte Corea, secretario nacional de Relación Institucionais da CIG-Ensino, explicou que se a consellaría asumira as propostas do Consello Consultivo estariamos diante dun decreto totalmente desfigurado, xa que “ataca os seus propios alicerces”, afirmou. En consecuencia, ao seu entender, só queda unha saída, “a retirada do anteproxecto de decreto de ‘Plurilingüísmo’ e volver ao consenso acadado no Plan xeral de Normalización Lingüística e o decreto 124/2007”.

 Louzao que foi expoñendo na súa intervención os aspectos máis salientábeis deste ditame, destacou que supón unha nova “desautorización” tanto ao presidente da Xunta, como ao conselleiro de Educación ou o Secretario Xeral de Política Lingüística. “O conselleiro de Educación e o Secretario xeral só lles queda dimitir por ser os principais inimigos do galego”, concluíu, engadindo que “nunca unha norma concitou tanto rexeitamento como este proxecto de decreto desde diferentes institucións e organizacións e entidades de todo tipo”.

 O ditame recolle, tal e como viña expresando a CIG, que non lle corresponde ás familias, senón aos poderes públicos fixar a lingua vehicular no ensino, tanto na educación infantil como no resto das materias e niveis educativos. Rexeita ademais a capacidade decisoria e vinculante para a administración que lle outorga o decreto ás familias e o argumenta facendo referencia a diferentes sentenzas do Tribunal Constitucional e do Supremo e subliña que un dereito fundamental non pode ser sometido a votación.

 A CIG-Ensino entende que do ditame se desprende que a propia administración educativa pretende “enganar”, dixo Louzao, ao desvirtuar mediante un Regulamento a limitación dun dereito legalmente configurado en normas superiores. Polo tanto, estaríanse conculcando e vulnerando os art. 5 e 13 da Lei de Normalización Lingüística e o art. 8 da Carta Europea das Linguas Minorizadas.

 O Consello Consultivo considera que supón dificultades de índole xurídico, comporta conflitos indesexábeis nos centros escolares e divide á comunidade educativa ao trasladar a decisión ás familias. Así mesmo ditamina que é discriminatorio o fixar a lingua vehicular durante catro anos, ao fixala para diferentes niveis educativos, marxinando ás familias que se incorporen con posterioridade á toma desta decisión.

 Para a CIG-Ensino é de salientar que o ditame interpreta que a consulta vinculante nin sequera observa as garantías legais e as técnicas de información que debe ter calquera consulta segundo a lei de procedemento administrativo. “Mesmo pon en tea de xuízo que se pretenda fixar a lingua materna como equivalente á predominante na aula sen ter en conta a opinión do profesorado, os dados sociolingüísticos oficiais a cuestión pedagóxicas”, explica Louzao, quen engade que até chega a denunciar que pode supor unha marxinación para o alumnado galego-falante se na aula non é o predominante.

 O ditame tamén interpreta como desproporcionada a posibilidade de que un terzo das materias se impartan en lingua estranxeira en relación ao horario que se lle pode dispensar ao galego e reafirma que a lingua prevista para a administración educativa dos centros públicos debe estenderse tamén aos privados.

 O informe arremete contra os principios establecidos no proxecto de decreto por seren totalmente contrarios aos artigos 12, 13 e 14 da Lei de Normalización Lingüística que establece que calquera normativa debe “asegurar a normalización do galego”; que se “arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino” e consagra o principio de igualdade, mentres que o proxecto só estabelece “a garantía da adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas”.

 O Consello Consultivo é contundente ao propor que se debe substituír o termo “semellante” e o “máximo equilibrio nas horas semanais nas materias impartidas nas dúas linguas” polo “trato de igualdade”. O principio de igualdade supón, segundo explicou Louzao e tal e como recolle o ditame, tratar de maneira igual situacións iguais e de forma diferenciada as desiguais para ao final ter un resultado igual. É dicir, “o noso idioma para estar en igualdade ao castelán precisa de ser promovido e apoiado e, polo tanto, superar ese suposto equilibrio do 50% de materias a impartir en lingua galega”, afirmou Louzao, quen destacou que o propio informe ditamina que o vocablo dinamización non pode substituír o de normalización e que, polo tanto, propón que un dos principios do decreto ten que ser a normalización lingüística.

 O secretario nacional de CIG-Ensino lembrou ademais que hai un voto particular que di que a lingua que ten que utilizar o alumno é a lingua vehicular na que se imparta a materia correspondente.

 En conclusión o ditame considera que o proxecto de decreto vulnera o marco xurídico vixente, nomeadamente a Lei de Normalización Lingüística, discrimina o galego, os pais non poden ter a potestade de fixar o idioma vehicular na educación infantil nin as materias que deben ser impartidas en galego e ten que promover a normalización lingüística e promover e potenciar o uso do noso idioma, entre outros aspectos.

A CIG-Ensino valora de forma moi positiva que moitas das cuestións recollidas neste ditame do Consello Consultivo coincidan coas xa expresadas pola CIG con anterioridade, que vén corroborar que se trata dun proxecto de decreto que atenta contra o marco legal, persegue e desprestixia o noso idioma, pretende botar por terra todo o conquistado, procura transmitir unha mensaxe de inutilidade e desprezo cara o galego e busca que o alumnado non teña competencia abondo para poder usalo. Polo tanto, reitera a exixencia de que se retire o decreto e tamén da dimisión do conselleiro e do Secretario Xeral polo seu odio explícito a todo o noso.

A CIG-Ensino fai un chamamento á manifestación do 17 de maio, Día das Letras Galegas e anuncia que de non retiralo recorrerá a todos os mecanismos ao seu alcance incluída a vía legal por ser totalmente contrario ao marco xurídico tal e como ditamina o propio Consello consultivo.

Documento do Ditame do Consello Consultivo

Volver