CORONAVIRUS: A CIG Ensino esixe solución inmediata á problemática nos centros de atención a persoas con discapacidade e nos centros de menores

Problemática causada pola falta de medidas de prevención de riscos laborais adoptadas fronte ao Coronavirus

Como consecuencia da situación e evolución do Coronavirus (covid-19), temos constancia, logo de facermos un seguimento polos distintos centros do país, que a nivel xeral, nestes centros, privados ou de xestión privada, non se están a tomar as medidas de prevención de riscos laborais necesarias para protexer o seu persoal nin as persoas usuarias.

Polo que decidimos enviar un escrito á Conselleira de Política Social e un comunicado, nos mesmos termos, ás empresas que prestan o servizo nos centros.

Centros nos que non se dispón do material básico preventivo suficiente, non hai acceso á información e formación precisas e incluso nalgúns se carece de protocolos básicos de actuación ante a pandemia do covid-19, sentíndose o persoal desamparado, indefenso e nunha situación de preocupante falta de organización e de medidas de seguridade totalmente inxustificábel.

Por iso, desde a CIG vemos necesario, tanto para manter o servizo como para mellorar a prevención de saúde de todos/as e as condicións de traballo, tomar as medidas axeitadas no eido laboral e de prevención de riscos, tanto cualitativamente como cuantitativamente, para que este tipo de Asociacións poidan afrontar esta pandemia do mellor xeito posíbel. 

Entendemos que o “Protocolo da Consellería de Política Social para os centros de servizos sociais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (covid-19)” é insuficiente.

A CIG-Ensino, que é o sindicato con maior representatividade nestes sectores, preocúpanlle todas estas situacións (de falta de protección e seguridade: medidas preventivas e materiais de protección (EPIS), protocolos de actuación, información e formación do persoal,…; de inestabilidade: aplicación de ERTEs, despedimentos,  condicións de traballo precarizadas,…; de medidas erradas: o confinamento de menores/mozos en réxime de semiaberto nos centros no canto das súas casas, manter exceso de usuarios en espazos reducidos, Plans xerais de actuación no canto de específicos,…) que se están dando no sector e que se poden incrementar nun futuro, traducíndose en traxedias sociais, que ningunha das partes queremos e que por responsabilidade debemos atallar.

Por iso esiximos tratar as problemáticas actuais do sector e trasladamos as seguintes propostas para darlle solución:

  • Inspeccións urxentes e vixilancias periódicas de todos e cada un dos centros de atención á discapacidade e a menores aos que nos referimos.
  • Aplicación de Protocolos específicos na protección e prevención nestes sectores, coa correspondente información e formación de todo o persoal.
  • Dotación suficiente e precisa dos EPIS (lentes, luvas, máscaras, roupa illante,…) que rematen coa escaseza e a deficiencia dos mesmos, así como un Plan de acción para o persoal dos centros na prevención de riscos laborais e sociais.

Volver