
A CIG-Ensino esixe que se retiren as bases e confirma que o Conselleiro persiste na súa cruzada contra o galego
Valoración da entrevista co Conselleiro de Educación
A CIG-ENSINO ESIXE QUE SE RETIREN AS BASES E CONFIRMA
QUE O CONSELLEIRO PERSISTE NA SÚA CRUZADA CONTRA O GALEGO
O día 19, con vinte minutos de atraso, Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, e Marta Dacosta, responsábel de Normalización Lingüística na Executiva, foron recibidos polo Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística.
A CIG-Ensino trasladoulle en primeiro lugar a súa queixa por ser esta organización sindical maioritaria no ensino e convocante na folga a última en ser recibida, precisamente a unha hora pensada para que as declaracións do sindicato nacionalista non tivesen eco nos medios de comunicación. Esta actitude da Consellaría pon de manifesto que esta convocatoria non é máis ca unha xustificación diante da sociedade galega, e que foi feita a mantenta para silenciar á organización máis representativa do profesorado. A entrevista coa CIG foi unha entrevista tensa e para nada cordial, cun Secretario Xeral e un Conselleiro á defensiva e inamobíbeis nas súas posicións.
Sobre as características da convocatoria a CIG tamén lle trasladou a súa crítica por non seren convocados os Movementos de Renovación Pedagóxica e as organzacións estudantís, todas elas con representatividade no Consello Escolar de Galiza, ou a Asociación de escritores, organizacións que teñen moito que dicir sobre estas bases, a diferenza de organización absolutamente marxinais como Galicia Bilingüe ou a Mesa por la libertad Lingüística, que si foron convocadas.
A continuación a CIG fíxolle entrega ao Conselleiro dun Manual para querer o galego que, xunto coa lexislación aprobada até o de agora sobre o idioma, inclúe a nosa posición sobre estas bases (podedes consultalas no documento adxunto). Despois de presentar resumidamente esa posición a CIG concluíu demandando a retirada das Base para o decreto de plurilingüismo e que se desista da redución do ensino en galego, de aplicar a falacia do trilingüismo, de que os pais e nais fixen o idioma do ensino e que se restaure a confianza e o respecto ao labor do profesorado.
A CIG manifestou unha vez máis que non hai acordos nin consensos posíbeis se non se parte do conquistado até o de agora, concretado no Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004 e do Decreto 124/2007, apoiado pola case totalidade das organizacións sindicais que representan o profesorado, Movementos de Renovación Pedagóxica, Confederación de ANPAS, Mesa pola Normalización, as organizacións estudantís, Consello Escolar de Galiza, etc.
A CIG comprobou que a Consellaría non é receptiva e que se mantén na súa actitude antigalega, persistindo nas mentiras que durante dous anos difundiu o PP. Manifestaron que manterán os principios en que se sustentan as bases (elección dos pais, redución ao 33% do galego, trilingüismo) e que buscarán a forma de facer legal este principios, aínda que neste momento estean xa en entredito á vista da lexislación vixente e das sentencias dos tribunais supremo, superior e constitucional.
A CIG entende que a actitude antidialogante e arrogante da Consellaría de Educación esgrimida onte ante os representantes do profesorado dá aínda máis motivos para ir á folga de mañá día 21, unha folga que se prevé moi ampla e cunha enorme participación na manifestación que sairá da Alameda ás 11:30 da mañá. A propia Consellaría é consciente deste apoio, de aí que ante a mobilización do profesorado e a soidade da súa proposta, contestada tamén pola RAG, as Universidades, e outras moitas entidades, faga un intento desesperado de desmobilizar o profesorado enviándolle unha carta coa que pretende venderlle as falsas bondades da súa proposta.