A CIG-Ensino esixe que se creen máis departamentos de orientación e que se doten os centros con máis profesorado.

Mesa Sectorial do 20 de xuño 08 (II)

A CIG-Ensino denunciou ao inicio da reunión a falta de seriedade institucional coa que se está a desenvolver a Mesa Sectorial. Para a CIG-Ensino non é admisíbel que en numerosas ocasións xa, a Mesa non estea presidida polo Secretario Xeral e que non se dea resposta ás numerosas cuestión presentadas, ademais de que se realicen cambios na orde do día no último momento ou que as actas estean sen aprobar desde hai meses. A CIG reclamou que se convoque debidamente e de acordo cos resultados electorais que se proclamaron hai xa ano e medio, de tal maneira que participen na negociación as organizacións ás que lle corresponde e de acordo cos resultados electorais, e denunciou que en todo o curso non se teña aprobado un calendario de temas a negociar e que non pasasen pola Mesa os seguintes temas: xestión de Fondo Social, Orde de Comedores, Orde que regula subvencións aos Concellos para a apertura de centros escolares.

A CIG-Ensino esixe que se creen máis departamentos de orientación e que se doten os centros con máis profesorado

A CIG-Ensino denunciou ao inicio da reunión a falta de seriedade institucional coa que se está a desenvolver a Mesa Sectorial. Para a CIG-Ensino non é admisíbel que en numerosas ocasións xa, a Mesa non estea presidida polo Secretario Xeral e que non se dea resposta ás numerosas cuestión presentadas, ademais de que se realicen cambios na orde do día no último momento ou que as actas estean sen aprobar desde hai meses. A CIG reclamou que se convoque debidamente e de acordo cos resultados electorais que se proclamaron hai xa ano e medio, de tal maneira que participen na negociación as organizacións ás que lle corresponde e de acordo cos resultados electorais, e denunciou que en todo o curso non se teña aprobado un calendario de temas a negociar e que non pasasen pola Mesa os seguintes temas: xestión de Fondo Social, Orde de Comedores, Orde que regula subvencións aos Concellos para a apertura de centros escolares.

 

Na Mesa Sectorial de hoxe tratáronse as modificacións aos cadros de persoal dos centros de Infantil e Primaria. As proposta da Consellaría supón un saldo final de 12 unidades suprimidas en todo o país, e a creación de 119 postos de traballo. No conxunto de Galiza, suprímense 13 unidades de Primaria e 30 de ESO, e créanse 31 unidades de infantil. En canto aos postos de traballo, as creacións prodúcense fundamentalmente en orientación, pois créanse 21 Departamentos de Orientación e 20 postos de Orientación a compartir, así como 20 postos de Pedagoxía Terapéutica e 7 de Audición e Linguaxe. Porén estas cifras son insuficientes para atender debidamente as necesidades de orientación dos centros escolares, e cómpre incrementar esta dotación. A CIG-Ensino denunciou que os cadros de persoal deben ser negociados previamente nas Xuntas de Persoal e reclamou que se informe nos casos en que a orientación é compartida de que centros teñen que atender, e que se faga con carácter inmediato (o ano pasado non se fixo até novembro, co agravante que iso supón para a atención do alumnado e para o desenvolvemento do traballo do profesorado). A CIG tamén esixiu que en 39 centros se cree un departamento de Orientación propio, segundo o Acordo de 8 de xuño subscrito pola CIG-Ensino que modifica os cadros de persoal.

 

A CIG-Ensino tamén fixo fincapé en que se creen as unidades que veñen funcionando de maneira provisional desde hai tempo, de tal maneira que os centros figuren coas unidades reais e tamén sexan dotados de profesorado de acordo coas necesidades reais de unidades e alumnado.

 

A CIG-Ensino incidiu en que estamos no momento para dar cumprimento ao recollido no acordo de 8 de xuño, prioritariamente naqueles centros que, aínda a data de hoxe, ao non contar con todo o profesorado que lles corresponden, non poden aplicar o horario que está en vigor neste momento.

 

A CIG-Ensino reclamou que os centros deben dotarse co profesorado suficiente, para poder dar unha atención educativa adecuada, e que as supresións de unidades non deben conlevar a supresión de profesorado. A CIG-Ensino denunciou que non houbo a oportunidade de revisar a proposta de supresións unha a unha nas Xuntas de Persoal, de maneira que se evitase que se producisen supresións inxustificadas.

 

Na Mesa tamén se trataron os currículos das ensinanzas de Técnicos Deportivos e Técnicos Deportivos Superiores en Baloncesto, Balonmán e Atletismo. A CIG-Ensino esixiu que as rateos establecidas para estas ensinanzas sexan de 30 alumnos por aula e non 35, que se deben especificar cales son as materias de obrigada impartición en galego e que poidan impartir no bloque complementario o profesorado de informática e de inglés.

 

Ademais, en varios, a CIG-Ensino presentou os seguintes temas:

-          Esiximos explicacións por non ter pasado pola Mesa a oferta de bacharelato que tivo xa consecuencias laborais para o profesorado, por exemplo no IES Monte de Conxo en que se suprimiu, e demandamos que se restabelecese esta etapa educativa. A Consellaría sostén que non se vai manter o bacharelato no centro, porque hai moitas unidades de bacharelato en toda a cidade de Compostela (din que hai máis oferta que demanda, e que a demanda vai descender aínda coa apertura do IES de Brión) e Conxo é un Centro Integrado de FP, no que se quere facer unha aposta pola FP  e entenden que non hai unha afectación importante de profesorado.

-          Que se atenda a petición do IES Frei Martín Sarmiento que reclama o Bacharelato de Humanidades. A Consellaría ten decidido que nese centro se imparta o Bacharelato musical (segundo eles é o máis próximo ao Conservatorio) e por tanto non lle van conceder o Bacharelato de Humanidades.

-          Criticamos que para a xestión dos libros de texto se contratou unha empresa privada que non descarga de traballo aos centros, ben ao contrario, pois a xestión aínda é máis complexa.

-          Preguntamos cando vai vir á Mesa a Orde das optativas de Bacharelato. Responden de xeito informal que están traballando nelas.

-          As datas de adxudicación provisional e definitiva dos destinos provisionais de Mestres non son as máis axeitadas, deberían ser finais de xullo e principios de setembro, respectivamente.

-          Denunciamos o tema dos Escolapios de Monforte porque en contra do declarado pola Consellaría no seu día, autorizouse o concerto dunha unidade máis, mentres os centros públicos contan con espazo suficiente.

-          Preguntamos polo currículo de Educación Infantil, por que non pasou o trámite definitivo e por que non se publica.

-          Denunciamos que, malia o compromiso da Consellaría en que se ditarían instrucións para o pago das itinerancias, estas instrucións non se ditaron aínda.

-          Denunciamos que a comisión de baremación das licenzas por estudos subdividiuse en dúas comisións e só pode estar presente un representante sindical, co cal nunha das subcomisións non temos representación.

-          Reclamamos que se volva a pór na web a listaxe de substitucións da inspección, que desapareceu inexplicabelmente.

-          Preguntamos se no IES de Guitiriz vai continuar o ciclo de Administrativo que aparece na oferta, mais que a inspectora di que non se vai ofertar. A Consellaría resposta que non se vai ofertar o ciclo porque leva dous anos sen alumnado.

Volver