A CIG-Ensino esixe que as prazas para inspección anunciadas polo conselleiro de Educación sexan para outros corpos do ensino

Chama a atención que convoque de novo prazas a este corpo malia este incremento do 25% desde 2013

A CIG-Ensino esixe que estas prazas sexan ofertadas para outros corpos do ensino porque, do contrario, estariamos ante unha nova actuación partidaria da Consellería de Educación que non ten en conta as necesidades urxentes do ensino público de Galiza, senón os seus interesas políticos.

A CIG-Ensino, ante o anuncio feito este martes 16 de decembro polo conselleiro de Educación da convocatoria de oposicións no corpo de inspectores de educación para o 2015, quere manifestar o seguinte:

Sorprende que mentres se recorta o profesorado no ensino público en aproximadamente 3.000 profesores e profesoras desde o ano 2.009 (de novembro de 2010 a novembro de 2014, as supresión foron de 2044 docentes tal e como certificou o censo  para as eleccións sindicais do 4 de decembro) a Consellaría incrementara o cadro de inspectores en preto dun 25% desde o 2013.

“Chama a atención tamén, que malia este incremento do 25% desde 2013, a Consellaría convoque de novo prazas a este corpo cando nin sequera se repoñen o 100% das vacantes producidas nos diferentes niveis educativos e son múltiples as carencias, necesidades e demandas de profesorado nos centros”, explica Anxo Louzao, secretario nacional, da CIG-Ensino.

Para a CIG-Ensino esta convocatoria responde única e exclusivamente a motivacións políticas do PP que pretende asegurar un corpo ao servizo da súa ideoloxía, do que se salvan honrosas excepcións, o ano anterior á convocatoria de eleccións autonómicas. De feito o corpo de inspección sempre tivo un peso importante no organigrama e responsabilidades nos gobernos do PP na Consellaría.

Unha vez máis,  a Consellaría furtou a negociación e a información á Mesa Sectorial xa que nin sequera se informou desta oferta na última reunión da mesma.

A CIG-Ensino esixe que estas prazas sexan ofertadas para outros corpos do ensino porque, do contrario, estariamos ante unha nova actuación partidaria da Consellería de Educación que non ten en conta as necesidades urxentes do ensino público de Galiza, senón os seus interesas políticos. 

Volver