A CIG-Ensino esixe na Mesa Sectorial a modificación do Decreto polo que se crea a titulación de Técnica Superior en Igualdade de Xénero

Na Mesa tratáronse tamén dúas ordes absolutamente continuístas nos recortes en formación do profesorado.

A CIG-Ensino esixiu hoxe varias modificacións no Decreto polo que se crea a titulación de Técnica Superior en Igualdade de Xénero para que esta formación académica sexa efectiva en procurar a igualdade de oportunidades e combater a violencia machista e os feminicidios. No interior da nova tedes tamén toda a información da mesa sectorial.

O borrador presentado pola Consellaría é unha simple tradución da norma estatal que é un mal punto de partida, pois non hai medidas efectivas para inverter a situación, como podemos comprobar tristemente cada día: fenda salarial, discriminación, pobreza, violencia, asasinatos.

O borrador non cita a lexislación galega existente, nin organismos como o Observatorio Galego contra a violencia de xénero. A CIG-Ensino reclamou ademais que se empregase en todo o documento unha linguaxe inclusiva.

A CIG-Ensino reclamou que se marquen os módulos de obrigada impartición en galego, para facer efectivo o dereito a que o alumnado sexa formado na nosa lingua, pois a ausencia desta precisión está dando lugar, na actualidade, ao incumprimento da xa cativa lexislación sobre a lingua. Tamén a redución das ratios de alumnado por aula, pois consideramos que non se deben superar os 20 alumnos e alumnas nos módulos teóricos ou os 10/15 nos prácticos.

En canto aos contidos, a CIG-Ensino reclamou que se eliminase o concepto de mediación, que ademais está prohibido polo ordenamento xurídico, e se elimine o cualificativo de doméstica, non acorde coa lexislación actual, e se recolla violencia machista ou de xénero. 

Formación do profesorado

Na Mesa Sectorial de hoxe, 6 de abril, foron tratadas as ordes polas que se convocan licenzas de formación e cursos PIALE (Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras).  

Despois de que a CIG-Ensino así o reclamara, a Consellaría de Educación recolle a participación do profesorado de lingua galega nos cursos PIALE para formación en lingua portuguesa. Por outro lado, a Consellaría incrementou a oferta de prazas para formarse en portugués, de acordo tamén coas demandas da CIG-Ensino, quen insiste na necesidade deste incremento para dar cumprimento á Lei Paz Andrade aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Con todo a CIG-Ensino manifestou que a oferta segue a ser insuficiente e non aposta decididamente pola lingua portuguesa.

A CIG-Ensino volveu manifestar o seu desacordo cunha formación en linguas que a Consellaría utiliza como instrumento para potenciar os centros plurilingües e as seccións bilingües, como chegou manifestar na súa intervención, dentro do seu deseño de potenciar a lingua inglesa en detrimento da nosa linguas propia. Para a CIG-Ensino esta formación debería estar destinada á adquisición de maior competencia en linguas estranxeiras para o conxunto do profesorado. O número total de prazas, 212 (aínda lonxe das 325 ofertadas en 2011), e o orzamento asignado, 770.265,00 €, son completamente insuficientes.

En canto ás licenzas por formación, a CIG-ENSINO denunciou que estamos ante unha convocatoria que non ten cambios en relación ás últimas e isto significa manter todos os aspectos negativos que xa viñemos denunciando en convocatorias anteriores: unha redución drástica da oferta, de case dous terzos desde 2012, e unha oferta formativa pensada só para formar en TIC e Plurilingüismo, o que é unha concepción errónea, porque non se ten en conta a formación transversal e curricular. 

Nesta convocatoria, despois da insistencia da CIG-Ensino en anos anteriores, na modalidade de elaboración de materiais, os materiais en galego terán preferencia. Mais esta modificación non é suficiente. A CIG-Ensino así o manifestou e reclamou que se aposte decididamente por esta modalidade pois é unha necesidade e tamén a maneira de promover a galeguización do ensino. Para a CIG-Ensino é unha necesidade que a Consellaría debería de atender se ten un mínimo de compromiso coa lingua.

Deben recuperarse as modalidades de tese, 1º licenciatura, outra licenciatura e promover a elaboración de materiais didácticos en galego, entre outras.

A CIG-Ensino realizou varias preguntas e propostas no apartado de varios, entre elas a modificación do Decreto 79 de Plurilingüismo, a denuncia da orde de concertos que comprometen os orzamentos da consellaría até 2023 ou a oferta de todas as vacantes no Concurso Xeral de Traslados. A CIG-Ensino tamén denunciou a utilización da Comisión de seguimento do acordo de interinos por parte da Administración e unha minoría sindical para tratar temas que lle afectan a este profesorado e que son propios da mesa sectorial, polo que se están a usurpar as súas funcións.

 


Borradores e CIG Informas

Orde pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) para o ano 2017 Ligazón

CIG Informa

Orde pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2017. Ligazón

CIG Informa

RESOLUCIÓN pola que se convocan licenzas por formación para o curso 2017/18 destinadas ao funcionariado docente non universitario e se aproban as bases de concesión. Ligazón

CIG Informa

Proxecto do Decreto polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Promoción de Igual-dade de Xénero Ligazón

CIG Informa

Temas Varios presentados pola CIG-Ensino na Mesa Sectorial.

CIG-Informa

Volver