A CIG-Ensino esixe a retirada do anteproxecto de LOMCE

Denuncia que as novas propostas do ministro supoñen unha maior reespañolización do ensino

Á espera de analizar en toda a súa extensión o segundo anteproxecto da LOMCE, a CIG-Ensino valora como un disparate, desde todos os puntos de vista, as propostas anunciadas. “Estamos ante unha nova reespañolización e recolonización do ensino ao pretender lexislar en contra do coñecemento e estudo das linguas propias –denuncia Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino. Trátase dunha lei insubmisa ao dereito e á obriga a aprender e unha lei do dereito á ignorancia”. DENTRO DA NOVA PODES DESCARGAR O BORRADOR.

Para a CIG-Ensino os cambios que se promoven coa LOMCE constitúen unha nova cruzada centralista para  eliminar a diversidade cultural e lingüística das diferentes nacións que compoñen o Estado español. Con estas novas propostas reforzan a confesionalidade do ensino non só ao decidir manter a relixión como parte do currículo escolar, senón, tamén, ao establecer unha materia Alternativa a ela, en lugar de camiñar cara a un ensino laico no que a relixión non forme parte do curriculo escolar.

“Estamos ante un ministro que actúa como valedor e representante directo da patronal do ensino privado concertado, da Conferencia Episcopal e dos sectores máis reaccionarios –engade Anxo Louzao. Esta contrarreforma educativa pretende trasladar ao ámbito do ensino a ideoloxía do PP en lugar de facer fronte ás necesidades e carencias do ensino. Por iso propón un modelo educativo totalmente elitista, selectivo e contrario á igualdade de oportunidades, co obxectivo claro de expulsar do sistema educativo os fillos e fillas das clases populares e desmantelar o ensino público. Por iso non dubida en establecer reválidas e probas externas para evitar que o alumnado pase ao seguinte nivel educativo”.

Este segundo anteproxecto de lei, non só supón un etnocidio, senón que retrae e usurpa competencias ao Goberno galego ao reservar para o Goberno central a fixación dos contidos das materias troncais. “Tan preocupante como os cambios propostos é a actitude de total vasalaxe e submisión do conselleiro de Educación que actúa como un delegado do señor ministro e non como máxima autoridade educativa que está obrigado   a velar polas competencias en materia educativa e por garantir que o alumnado galego remate os estudos con total competencia en lingua galega”, sinala Anxo Louzao. A CIG-Ensino está levando a cabo unha campaña en todos os centros en contra da LOMCE e  non desbota novas accións e mobilizacións para paralizar este atentado contra o ensino público e o noso idioma.

Segundo borrador da LOMCE

Volver