A CIG-Ensino esixe a retirada das bases do plurilinguismo, do contrario continuará coas mobilizacións

Rolda de prensa da CIG-Ensino

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou hoxe en rolda de prensa que a folga do 21 de xaneiro foi un éxito sen precedentes. Non só o profesorado apoiou a folga maioritariamente senón que o alumnado parou en todos os centros, quedando a maioría deles baldeiros. Tamén moitos pais e nais, ANPAs e federacións de ANPAs apoiaron a folga.

A CIG-Ensino esixe a retirada das bases do plurilinguismo, do contrario continuará coas mobilizacións

valoracion da folga from cig-ensino on Vimeo.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou hoxe en rolda de prensa que a folga do 21 de xaneiro foi un éxito sen precedentes. Non só o profesorado apoiou a folga maioritariamente senón que o alumnado parou en todos os centros, quedando a maioría deles baldeiros. Tamén moitos pais e nais, ANPAs e federacións de ANPAs apoiaron a folga.

O PP fixo posíbel que confluamos diferentes sectores da comunidade escolar para esixir a retirada destas bases para a eliminación do galego, mesmo logrou que CCOO e UGT que inicialmente rexeitaron convocar con Queremos galego esta folga, acabaron por manifestar que non cabía outra opción que secundar a folga. Trátase por tanto da folga que tivo o maior seguimento acadado no ensino, sendo en moitos centros do 100% do profesorado. Nunca o ensino fora quen de levar a cabo unha manifestación de tales dimensións até mesmo ateigar Compostela.

Anxo Louzao denunciou o comportamento antimobilizador que ostentou a Consellaría a través das reunións cos directores e directoras á marxe dos seus órganos de representación, o envío de cartas propagandísticas en que se cantaban as excelencias das bases empregando os correos particulares do profesorado, as continuas descualificacións contra a lexítima mobilización do profesorado, empregando as consignas de que esta era unha folga preventiva, partidaria, ou coa insistencia na mentira como que houbo piquetes ou que contan con apoios que nunca conseguen citar porque non existen. O goberno galego chegou a realizar a manipulación máis burda e descarada dos medios de comunicación públicos, procurando un tratamento das noticias claramente partidista e non obxectivo, procurando así enviar unha mensaxe totalmente distorsionada da incidencia da folga, procurando os poucos centros que non a apoiaron maioritariamente.

O PP ten que cesar na súa pretensión de levar a cabo un decreto que supón un retroceso de 30 anos, que incumpre a Lei de Normalización, que reduce substancialmente a presenza do galego e que non fixa as materias a impartir na nosa lingua. Nestas bases o galego deixa de ser a lingua da Administración educativa en contra do establecido no artigo 4.1. da LNL. É unha proposta fraudulenta, inaceptábel e inaplicábel en canto á aplicación dun terzo das materias en lingua estranxeira, medida segregacionista, elitista e non potenciadora da adquisición de competencias en linguas estranxeiras. A proposta do trilingüismo o único que persegue é marxinar o noso idioma como lingua do ensino. Con estas bases a Consellaría desenténdese da normalización lingüística, que é un mandato estatutario e sobre o que existen sentenzas suficientes.

A Consellaría está illada na máis absoluta soidade, acurralada pola súa fobia contra o galego e, plenamente consciente da oposición absoluta que espertou a súa proposta, reacciona con mentiras e manipulacións. Así emprega os contactos coas entidades de forma distorsionada e sectaria, convocando a aquelas entidades que considera poden serlle favorábeis e deixando fóra das consultas a organizacións fundamentais no ámbito educativo e integrantes do Consello Escolar de Galiza, como son os Movementos de Renovación Pedagóxica ou os representantes do alumnado, ou outras entidades como a Asociación de Escritores, ou as máis de seiscentas entidades que conforma a Plataforma Queremos Galego.

O secretario nacional reafirmouse na súa posición de esixir a retirada das Bases e recuperar o consenso do Plan Xeral de 2004 e o Decreto 124/2007. Así mesmo reiterou o seu apoio ao profesorado para que siga impartindo as súas materias na nosa lingua. Por outro lado, a CIG-Ensino manifestou que se suma á proposta de que os descontos que se nos practiquen pola folga sexan enviados para apoiar a axuda a Haití, neste sentido a CIG xa está a enviar aos centros e ao profesorado unha proposta de escrito para reclamar da Consellaría este envío dos descontos. A CIG-Ensino tamén lle propuxo aos centros que envíen alegacións ás Bases seguindo o modelo difundido pola Plataforma Queremos galego.

Por último, declarou que continuarán coas mobilizacións que se acorden na Plataforma Queremos Galego, co obxectivo de parar estas bases, e que serán activos na procura da súa retirada e na restauración dos consensos acadados no seu día.

Volver