A CIG-Ensino esixe a retirada da proposta do MEC que vai provocar a diminución de profesorado das EOI e o seu traslado a IES

É totalmente inaceptábel que o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas se vexa obrigado a impartir ensinanzas diferentes ás que opositaron e que son impartidas por corpos distintos

Texto da EMENDA da Confederación Intersindical Galega (CIG) ao Proxecto de "Real decreto polo que se modifica o Real Decreto 1834/2008, de 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial e se estabelecen as especialidades dos corpos docentes de ensinanza secundaria".

É totalmente inapropiado e inxustificado que se pretenda modificar no mes de xullo, sen previa negociación de ningún tipo, un aspecto tan importante como é a impartición de novas ensinanzas que non lle corresponden ao profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas.

A proposta recollida no artigo único do Proxecto de Real Decreto supón unha modificación substancial das condicións laborais sen que existira a preceptiva negociación previa, tal como se contempla no artigo 37 da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do empregado público” (Materias obxecto de negociación).

Trátase dunha proposta que consideramos ilegal por non se adaptar á normativa citada.

Esta modificación pode supor a diminución da dotación do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas que influirá de xeito negativo na formación en linguas estranxeiras ao conxunto da cidadanía, cando a demanda é cada vez máis ampla.

Nun momento de crise económica como o actual, cunha taxa de desemprego superior ao 22% da poboación activa, a formación en linguas estranxeiras supón unha ampliación da formación que pode ser determinante e valiosa para a inserción laboral.

Non deixa de ser una hipocrisía que a Administración propague a necesidade e importancia do reforzo da aprendizaxe en linguas estranxeiras e que agora pretenda levar a cabo esta modificación que o único que busca é reducir os cadros de persoal docentes destinados á impartición de linguas estranxeiras.

Trátase dunha modificación exclusivamente economicista, co único obxectivo de aforrar profesorado, o que empeorará as condicións profesionais e  laborais do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas, que terá como consecuencias que se produzan supresións de profesorado, que se teña que impartir docencia en ensinanzas dun corpo docente distinto ao que se pertence o que se teñan que compartir centros e ensinanzas distintas.

 

Isto en nada beneficia á calidade do ensino en linguas estranxeiras.

É totalmente inaceptábel que o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas sexan obrigados a impartir ensinanzas diferentes ás que opositaron e que son impartidas por corpos distintos.

Volver