A CIG-Ensino entrevistouse o día 10 de xaneiro coa Conselleira de Educación

Entrevista coa Conselleira de Educación

Unha delegación da CIG-Ensino integrada polo Secretario Nacional, Anxo Louzao Rodríguez, e os membros da Executiva, Marta Dacosta, Suso Bermello e Consuelo Campos, entrevistouse o 10 de xaneiro, coa Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón e o Secretario Xeral da Consellaría, Benito Fernández.

A CIG-Ensino entrevistouse o día 10 de xaneiro coa conselleira de educación

 

 

 

 

Unha delegación da CIG-Ensino integrada polo Secretario Nacional, Anxo Louzao Rodríguez, e os membros da Executiva, Marta Dacosta, Suso Bermello e Consuelo Campos, entrevistouse o 10 de xaneiro, coa Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón e o Secretario Xeral da Consellaría, Benito Fernández.

 

A reunión, que se prolongou durante 2 horas, produciuse logo da celebración das eleccións sindicais no ensino público non universitario, nas que a CIG-Ensino revalidou a súa maioría, incrementando o número de delegados/as e votos. A entrevista discorreu nun ambiente cordial e a Conselleira mostrouse receptiva a moitos dos temas presentados pola CIG.

 

Entre as propostas presentados pola CIG-Ensino cabe salientar:

1.      A necesidade de reforzar os ámbitos de negociación, que se debe concretar na fixación dun calendario de temas a negociar na Mesa sectorial para o que resta de curso escolar e na mellora do funcionamento das Comisións de baremación, entre outras. Neste apartado fíxose unha mención especial á necesidade de mellorar o funcionamento da Delegación da Coruña. Ademais desde a CIG-Ensino fixemos fincapé en que a práctica debe ser que os acordos que se acaden na Mesa Sectorial sexan coa maioría da representación sindical.

2.      Nos temas a negociar deben estar:

  •  A negociación duns novos cadros de persoal, que supoñan a redución das ratios (que deben contabilizar os repetidores e reducirse no caso de contar con alumnado con necesidades educativas), a impartición, como máximo, de 18 horas lectivas para todo o profesorado e o estabelecemento duns cadros en primaria que conten con tantos xeralistas como unidades ten o centro.
  • A negociación dun novo acordo para potenciar a xubilación anticipada e a redución de horarios sen perda retributiva para os maiores de 55 anos.
  • A formación do profesorado en horario lectivo, mediante o estabelecemento dun crédito horario.
  • A modificación do regulamento da xornada única. A proposta da CIG-Ensino é que se requira o voto afirmativo dos 2/3 dos participantes na votación.
  •  As condicións laborais dos itinerantes, e neste apartado regular a situación das profesoras xestantes.
  •  O desenvolvemento da LOE (currículos, carga lectiva das materias, nomeadamente Tecnoloxía, e Regulamentos Orgánicos dos Centros Docentes).
  • Mellora das retribucións do profesorado co cobro xeneralizado para todo o profesorado do futuro complemento de especial dedicación ao centro e do nivel 24 para o corpo de mestres. Extensión do complemento de penosidade nos centros de Educación Especial e renegociación da aplicación do complemento de EPA a todo o profesorado que imparta neste nivel.
  • Negociación da Oferta pública de emprego e garantías para os opositores, mellorando o funcionamento dos tribunais.
  • Reapertura das negociacións sobre o profesorado interino para acadar un acordo de estabilidade, negociación da oferta de emprego e mellora das condición salariais e de traballo do colectivo de interinos/as. En concreto demandouse que se lle retribúan os sexenios e que se inicie o pagamento dos trienios adiantando o cumprimento do recollido no futuro Estatuto da Función Pública (a través dunha emenda do BNG que recollía a demanda da CIG-Ensino).
  • Promulgación dun novo Decreto de normalización lingüística nos centros que supoña un pulo importante na galeguización do ensino, contemplando a formación do profesorado en horario lectivo e a incentivación dos equipos de normalización lingüística que deberá recoller a equiparación da Coordinación dos Equipos coas Xefaturas de Departamento a todos os efectos, administrativos e retributivos. Neste apartado, a CIG-Ensino demandou a adopción de medidas que contribúan a incentivar a participación do profesorado no proceso de normalización do noso idioma. Ao mesmo tempo, puxemos de manifesto que unha das partes importantes deste novo Decreto será a súa aplicación.
  • Negociación de medidas que incidan nunha maior calidade do ensino público: xestión das bibliotecas, dotación de administrativos/as a todos os centros, dotación de laboratorios de idiomas nos centros de Secundaria, medidas de atención á diversidade e contra o fracaso escolar.
  • Na Universidade: aplicación dos quinquenios e sexenios aos PDIs laborais, inclusión no convenio do actual persoal investigador e negociación da súas condicións laborais.
  • A CIG tamén demandou a promulgación da Lei de Universidades Galegas, a negociación do Estatuto da función docente galega, a negociación dunha Lei do sistema educativo galego, un plano de actuación contra o fracaso escolar así como medidas concretas para mellorar a convivencia escolar e reducir a conflitividade nos centros.

 

A Conselleira afirmou que se mellorará o funcionamento das comisións e da Delegación da Coruña e amosouse receptiva á temática proposta pola CIG para a súa negociación na Mesa Sectorial. Así, confirmou que está prevista unha futura negociación duns novos cadros docentes e  a negociación de todo o que ten que ver co desenvolvemento da LOE. Sobre este segundo punto manifestaron que están traballando sobre o currículo das materias de  Primaria e que aínda non trataron outras cuestións, como por exemplo a carga horaria de Tecnoloxía. Mostrouse de acordo con que o futuro Decreto de normalización lingüística fortalecese os ENL, co compromiso da formación do profesorado, superando os mínimos estabelecidos no Plano de Normalización aprobado no Parlamento na lexislatura anterior. Pretenden que este novo Decreto acade un amplo grao de consenso e confirmou que se dará a coñecer aos sectores implicados nun prazo breve de tempo.

 

A Conselleira confirmou que antes de final de mes se negociará unha oferta ampla para as oposicións. A CIG-Ensino insistiu na necesidade de que se coñeza coa maior brevidade posíbel cuestións tan importantes como se vai haber oposicións da especialidade de primaria ou para que materias concretas se estabelecen as probas prácticas, ao mesmo tempo que nos reafirmamos en que a oferta de emprego se debe compaxinar coa garantía de estabilidade para o profesorado que non accede á función pública e, polo tanto, á urxencia de negociar un acordo de estabilidade.

 

A Conselleira aduciu impedimentos orzamentarios para a aplicación de melloras retributivas que lle foron trasladadas pola CIG. Con respecto ao complemento de especial dedicación houbo coincidencia de criterios entre a CIG e a Consellaría en reclamarlle ao MEC a transferencia global dos 60 € para todo o profesorado, aínda que asegurou que o tema está paralizado polo propio MEC, á espera de negocialo coas CC.AA. En relación con este tema, indicar que na nómina deste mes farase xa efectivo o acordo retributivo de 2006 coa percepción do primeiro prazo de 45 €.

 

Igualmente, tamén se mostraron abertos a abrir negociacións nun futuro próximo sobre  melloras para a xubilación anticipada e condicións de traballo do profesorado itinerante. Informaron de que se está a elaborar un novo Regulamento de centros, que recolle todas as especificidades, e que van adoptar medidas importantes para o funcionamento dos comedores o curso que vén.

 

Nun horizonte temporal máis amplo, a Conselleira afirmou que ten previsto a negociación dunha Lei das Universidades Galegas, a Lei do Sistema Educativo Galego e a elaboración do Estatuto Docente Galego.

 

Pola contra, houbo determinados temas nos que a Consellaría non se mostrou partidaria de abrir negociacións de inmediato: estabilidade do profesorado interino, adopción doutras melloras retributivas ou a regulamentación da xornada única.

 

En conclusión, desde a CIG-Ensino, aínda que valoramos a coincidencia de negociar diferentes temas pendentes, botamos en falta o compromiso dunha maior concreción nos prazos da negociación.

 

Volver